Catro membros dunha familia resultan afectados por intoxicación debido á acumulación de gas no interior da súa vivenda en Redondela

Publicado por o día 07/12/2020 na sección de Galicia,Redondela,Sucesos

Catro membros dunha familia resultan afectados por intoxicación debido á acumulación de gas no interior da súa vivenda en Redondela

Os servizos de emerxencias tiveron que intervir na mañá de hoxe nunha residencia particular na Rúa do Espírito Santo, en Redondela, para prestar apoio aos membros dunha mesma familia –dous adultos e dous menores- que resultaron afectados por intoxicación debido á acumulación nociva de gas no interior da súa vivenda.

De feito, un deles foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro polo equipo de urxencias médicas mentres que os outros tres acudiron ao centro hospitalario polos seus propios medios.

O aviso ao 112 Galicia foi dado polos propios profesionais sanitarios ao fío das 10:30 horas. Segundo a información facilitada, os ocupantes do domicilio afectado solicitaron asistencia despois de experimentar sintomatoloxía compatible coa intoxicación por acumulación de gas.  Así, solicitaban a intervención dos bombeiros para a realización das medicións pertinentes.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Redondela. Unha vez no lugar, os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento sacaron unha bombona de butano do interior do inmoble e procederon a ventilar a vivenda ata comprobar que as medicións eran negativas.

Igualmente, desde o 112 pasouse aviso á empresa subministradora de gas e aos axentes da Policía Local e Nacional.