Catro persoas resultaron feridas tras colidir os vehículos nos que viaxaban en Ordes

Publicado por o día 20/01/2018 na sección de Sucesos

Catro persoas resultaron feridas tras colidir os vehículos nos que viaxaban en Ordes

Os servizos sanitarios de urxencia evacuaron esta tarde a catro persoas que resultaron feridas a causa duha colisión frontal entre dous turismos en Ordes.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse cando pasaban vinte minutos da unha da tarde na N-550, ao paso pola parroquia de Leira, no punto quilométrico 30.

Como consecuencia do impacto, os condutores de ambos os dous vehículos quedaron atrapados e tiveron que ser liberados polos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ordes.

Foi un particular quen se puxo en contacto co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia para pedir axuda. Así, desde o CIAE, activouse un operativo que completaron os axentes de seguridade e os profesionais de Urxencias Sanitarias, que se encargaron da evacuación dos feridos.

Cómpre sinalar que, segundo asegurou a persoa que chamou ao 112 Galicia para informar do sucedido, nun dos vehículos implicados viaxaban dúas persoas e no outro tres. No obstante, Urxencias Sanitarias confirmou o traslado de catro feridos.

Saída de vía en Oza-Cesuras
Recentemente, sobre as seis desta tarde, no concello coruñés de Oza-Cesuras, un vehículo saíuse da vía e bateu contra un poste eléctrico cando circulaba pola AC-840. O impacto provocou feridas de consideración á persoa que viaxaba no interior e que foi atendida polos profesionais sanitarios.

Nun primeiro momento, as testemuñas do accidente aseguraban que a persoa estaba atrapada, polo que, desde o CIAE 112 Galicia, pediuse a colaboración dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Betanzos. Finalmente, comprobaron que estaba liberada e descartaron intervir.

Ferido en Ourense
Por último, arredor da unha desta tarde, un motorista resultou ferido en Ourense tras bater contra un turismo na Rúa Lagoas.

Á chegada dos servizos de emerxencias, o condutor da moto estaba tendido no chan, polo que solicitaron asistencia médica urxente.

Así, o persoal do CIAE 112 Galicia informaron a Urxencias Sanitarias e aos axentes da Policía Local. Tamén aos bombeiros da cidade, que non tiveron que intervir.