Catro proxectos galegos galardoados na 3ª edición do Programa Impulsa de Podemos

Reciben case tres mil euros de media, para un total de doce mil.
Publicado por o día 03/02/2017 na sección de Podemos,Política,Vigo

Catro proxectos galegos galardoados na 3ª edición do Programa Impulsa de Podemos

Begoña Hermida, secretaria de participación de Podemos Galicia, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a representantes dos colectivos galegos gañadores da terceira edición do programa IMPULSA, para presentar os catro proxectos galardoados.

O programa IMPULSA é unha ferramenta posta en marcha por Podemos para colaborar no desenrolo de proxectos de transformación sociocultural das diferentes organizacións sen ánimo de lucro da sociedade civil. A finalidade última deste programa é fomentar as iniciativas con proxección social xurdidas da xente do común que comparten metas con Podemos.

Mediante este programa, Podemos contribúe economicamente na financiación dos proxectos, abrindo tamén a posibilidade a que as organizacións gañadoras podan servirse do Banco de Talentos de Podemos, unha base de datos estatal de diferentes expertos e voluntarios en eidos moi diversos.

Esta terceira edición do programa IMPULSA contou cunha dotación orzamentaria de cincocentos mil euros, procedentes do excedente salarial dos cargos públicos da organización que, por aplicación do Código Ético, teñen limitado o salario a percibir a un máximo de tres SMI.

Na comunidade galega, un total de quince proxectos concorreron á convocatoria, dos que resultaron catro gañadores, un deles pertencente a un círculo de Podemos e os tres restantes a organizacións non vencelladas ao partido.

Os catro proxectos que resultaron gañadores foron os seguintes:

1. Caixa Virtual de Crédito Mutuo e Solidario

Cooperativa Árbore, Vigo. Dotación: 3.000 €

Este proxecto presenta un sistema de xestión dunha comunidade de persoas e entidades que compartan un mercado social (intercambio de bens e servizos) que exclúa, no posible, a utilización de “diñeiro oficial”, creando un fondo de solidariedade en base ao crédito mutuo, que permitirá obter unha cooperativa de crédito solidaria, integrada por socias que ofrecen créditos sen desembolso.

2. Desenvolvemento do Pensamento Crítico a Través da Expresión Artística

Vagalume Aventuras Teatrais, Vigo. Dotación: 2.905 €

É un proxecto que pretende, mediante a análise grupal de textos e a improvisación teatral, tras o proceso de acción-escoita, consensuar a síntese dos mesmos, transferíndoa á nosa realidade socio-política: Mulleres e membros dos barrios accederán á cultura de raíz galega e universal. Enraizados no seu entorno, poderán crear un pensamento crítico que transforme o seu barrio, cidade ou política nacional.

3. Compartindo Espazos

Colectivo Compartindo Espazos, Lugo. Dotación: 2.912 €

Compartindo Espazos é unha iniciativa de nova creación que propón o establecemento dun espazo para o desenvolvemento de actividades culturais e sociais, dotando a quen non dispoña de medios propios dun lugar para levar a cabo as súas actividades. Abrirase en Lugo un local social no que desenvolver propostas culturais e políticas, coa finalidade de fortalecer o tecido social e fomentar políticas colaborativas mediante a construción de sinerxías entre diferentes grupos.

4. Planta a Túa Propia Menciña

Círculo Podemos Ribeira Sacra Ourensá, Ourense. Dotación: 2.976 €

O Círculo da Ribeira Sacra Ourensá é un dos máis de corenta círculos Podemos activos en Galicia na actualidade. Nel aglutínanse diferentes persoas desta fermosa parte do territorio galego, tanto simpatizantes de Podemos como persoas que simplemente desexan poñer as súas ideas e esforzos ao servizo dos seus veciños e veciñas. O proxecto presentado consiste na elaboración dunha pequena guía de plantas menciñáis que poden ser plantadas no clima da Ribeira Sacra e Ourense en xeral, coas que se poden tratar afeccións e doenzas leves, dende a dor de cabeza ata as molestias estomacais ou a dor menstrual.

En total, os catro proxectos gañadores reciben preto de doce dos vinte mil euros dispoñibles para Galicia. Os oito mil euros restantes ata completar o importe total asignado á comunidade fallaranse a mediados do presente ano 2017.