As revistas da USC Ágora. Papeles de Filosofía; Estudos de Lingüística Galega; Obradoiro de Historia Moderna e Verba. Anuario Galego de Filoloxía acaban de renovar o selo de calidade da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), que as distingue como revistas excelentes. Dende 2007, en que deu comezo a primeira convocatoria de avaliación de revistas científicas, FECYT analizou preto de 2000 solicitudes de revistas e na actualidade hai 396 publicacións que contan co selo de calidade, é dicir, o 21% das revistas científico-académicas españolas, das que a gran maioría (85%) pertencen ás disciplinas de Ciencias Sociais e Humanidades. Verba conta co selo FECYT dende 2014, Ágora e Estudos de Lingüística Galega, dende 2016, e Obradoiro de Historia Moderna dende 2019.
A FECYT é unha fundación pública dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación. FECYT traballa para reforzar os vínculos entre ciencia e sociedade mediante accións que promovan a ciencia aberta e inclusiva, a cultura e a educación científicas. Neste contexto, FECYT ofrece ás revistas científicas españolas unha serie de ferramentas para mellorar a súa calidade e visibilidade apoiando a súa profesionalización e internacionalización, ferramentas entre as que figuran a convocatoria anual do selo de calidade e o ránking de visibilidade e impacto das revistas científicas españolas, nas que as revistas da USC aparecen igualmente moi ben situadas.
Para a dirección do Servizo de Publicacións, que edita dixitalmente todas as revistas da USC na plataforma Rev{USC}. Portal Dixital de Revistas da USC, a obtención destes recoñecementos e melloras en índices, para “alén dos evidentes valores científicos e académicos das publicacións, confirma que a edición dixital das publicacións periódicas académicas co software de código aberto Open Journal System, cada vez máis estandarizada en todo o mundo e implementada na USC en 2012, contribúe directamente ao posicionamento, visibilidade, impacto e prestixio das revistas”.
A USC vén desenvolvendo, dende as vicerreitorías de Igualdade, Cultura e Servizos, da que depende o Servizo de Publicacións, e a de Investigación e Innovación, “un decidido impulso da consolidación, calidade e impacto” das 22 revistas que edita con diversas iniciativas como a constitución dunha Comisión de Revistas, aprobada en Consello de Goberno do 22 de abril, a migración do portal á nova versión 3.0 do software OJS, máis potente e versátil, ou a clara aposta pola ciencia aberta editando dende o pasado mes de maio todas as revistas en acceso aberto gratuíto.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.