Catro titulacións do campus de Vigo e unha de Ourense, proposta da UVigo á convocatoria de Másteres de Excelencia da Xunta

Matematica industrial, acuicultura, biotecnoloxía e enxeñaría da automoción, alternativas viguesas
Publicado por o día 14/07/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Catro titulacións do campus de Vigo e unha de Ourense, proposta da UVigo á convocatoria de Másteres de Excelencia da Xunta

Aínda que nunha convocatoria interna realizada na UVigo se presentaron unha decena de mestrados, finalmente unha comisión, en base aos criterios que utilizará a Xunta para realizar a selección final, determinou que Matemática industrial, Xestión empresarial do deporte, Acuicultura, Biotecnoloxía avanzada e Enxeñaría da automoción, fosen as titulacións que concorresen á primeira convocatoria de Másteres de Excelencia da Xunta. O proceso de selección, ao que concorren as tres universidades do SUG e no que a Xunta elixe un máximo de seis titulacións ás que outorgar o selo de excelencia, xa debería de estar resolto para o período de matriculación dos mestrados que xa está en marcha, non obstante a covid-19 adiou a resolución desta convocatoria, que recoñece a solvencia científico-técnica e a capacidade formadora das titulacións.

“A convocatoria dá un selo por cinco anos e non está asociado directamente a cursos académicos e obtelo supón poder utilizalo para atraer alumando, e unha achega de financiamento adicional por parte da Xunta”, explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo, que incide na importancia de dispor dun selo diferenciador que, “sen dúbida, vai atraer alumnos, e pode facilitar, por exemplo, atraer profesorado externo de primeiro nivel”. A este recoñecemento, que se insire no Plan de Excelencia do SUG para o trienio 2018-2020, poden concorrer títulos de máster impartidos de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2016/17 e que continúen impartíndose na actualidade, así como títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, que conten coa autorización de impartición da comunidade autónoma.

Unha grande oportunidade para un mestrado estratéxico do campus de Ourense

O Máster en Xestión Empresarial do Deporte é a única titulación do campus ourensán que opta ao selo de excelencia “unha mención que claramente define a estes estudos como soportes dunha elevada calidade, altos niveis, tanto científicos como docente e un alto grao de innovación e achegas á actividade investigadora da nosa universidade”, sinala a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, en relación coa titulación, que como o resto de mestrados que se impartirán o vindeiro curso xa pechou o seu primeiro período de preinscrición e abrirá matrícula o vindeiro día 20.

Montserrat Cruz destaca o valor estratéxico deste mestrado, posicionado no Top20 do Ranking Mundial de Masters en Sport Management elaborado por Sport Business International, e “o único posgrao oficial en Galicia sobre xestión e administración de institucións deportivas e un dos poucos desta temática a nivel nacional”, lembra a decana, que tamén incide na boa valoración que a titulación acadou, non só en España, senón tamén a nivel internacional, “xa que todos os anos entre o seu alumnado atópanse estudantes doutros países”.

As preinscricións dos mestrados para o curso que vén suben un 6%

Á espera de que a vindeira semana comece o período de matrícula, que se desenvolverá entre os días 21 ao 24 de xullo, ambos incluídos, o número de preinscricións rexistradas ata o 1 de xullo nos 58 mestrados que a UVigo impartirá o vindeiro curso 20/21 incrementouse aproximadamente un 6%, respecto do curso anterior. “O primeiro prazo de preinscripción dá unha idea, aínda que moi preliminar de como pode ir a matrícula. Nese sentido, produciuse unha subida de aproximadamente o 6%, o cal é un bo indicador, sobre todo cando existía o temor de que a situación de excepcionalidade puidera afectar negativamente á matrícula, tal como apuntaban, por exemplo as universidades catalás”, explica Manuel Ramos.

A decisión a Xunta de reducir nun 55% o custo da primeira matrícula dos mestrados, salvo no caso dos habilitantes, así como incidencia que a covid-19 poder ter á hora de evitar desprazamentos, son dous factores que poden influír na matrícula dos mestrados cara ao vindeiro curso, de aí que o vicerreitor asegure que “todo é unha incógnita. É un pouco pronto para aventurar como vai evolucionar a matrícula, aínda que os datos son esperanzadores”, explica Ramos, que tamén lembra que cada estudante se pode inscribir ata en catro mestrados. Analizando a a matrícula máis polo miúdo, o vicerreitor destaca que o aumento de preinscrición producido non é homoxéneo, e por exemplo, hai un incremento importante no máster de Secundaria (27%), con 1700 preinscritos para 280 prazas, “e non sabemos se a xente que quede fóra vai optar por matricularse noutro máster. Hai que esperar un pouco a que empece a matrícula e entón os datos serán máis fiables”, explica Ramos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.