CCOO acolle positivamente o anuncio dunha lei de emprego, pero critica a «ecuación imposible» de Feijóo no económico

A secretaria de Emprego de Comisións Obreiras non ve factible conxugar máis orzamentos con menos débeda e menos impostos
Por o 08/11/2016 | Sección: CC.OO,Sindicatos,Vigo
CCOO acolle positivamente o anuncio dunha lei de emprego, pero critica a «ecuación imposible» de Feijóo no económico
Compartir en:

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia acolle positivamente que Galicia conte cunha lei de emprego, tal como anunciou hoxe Alberto Núñez Feijóo no seu discurso de investidura. Non obstante, critica a «ecuación imposible» formulada polo presidente no terreo económico. A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, non ve factible conxugar máis orzamentos con menos débeda e menos impostos, tal como prometeu o candidato do PPdeG.

Sobre a lei de emprego, a sindicalista coida positivo que se regulen legalmente os instrumentos que a Administración autonómica ten na súa man, xa que posúe as competencias para as políticas neste ámbito. Maica Bouza defende que a norma se consensúe cos axentes sociais e xa avanza algunhas das peticións de CCOO: que a comunidade autónoma teña recursos de seu, que a lei dispoña dun orzamento propio e que se converta o Servizo Público de Emprego nun ente autónomo. Isto, xunto co regreso da Consellaría de Traballo ao organigrama da Xunta, un departamento específico que teña como único obxectivo a creación de emprego.

Doutra parte, Bouza xulga «incompatible» falar de orzamentos expansivos e, ao tempo, de redución de impostos. CCOO rexeita a rebaixa de impostos con carácter xeral e avoga, no seu lugar, por unha reforma fiscal progresiva e equitativa. «Que pague máis quen máis ten, non que se reduzan impostos que afectan por igual as persoas que dificilmente superan o limiar da pobreza e aos grandes especuladores», asevera Bouza.

Teito de gasto, orzamentos e fiscalidade

Na súa intervención, Feijóo sinalou como unha das primeiras medidas a aprobación do teito de gasto e dos orzamentos, co que a Xunta logo podería ter «case 250 millóns de euros máis a disposición dos galegos». A secretaria de Emprego de CCOO de Galicia rexeita esta visión «excesivamente optimista», porque mentres non se modifique o actual marco legal, «o diñeiro adicional de que se dispoña hase destinar a pagar a débeda, non a mudar as concidións de vida dos galegos e das galegas».

CCOO defende que se modifique a lei que regula o teito de gasto das Administracións públicas e, tamén, que o Estado español lle recoñeza a Galicia «o que nos corresponde», tanto en financiamento automómico como nos instrumentos de reequilibrio territorial.

Declaración de intencións

Canto ao resto de propostas, desde o sindicato cren que se trata dunha «declaración de intencións», polo que haberá que agardar para saber en que se concretan.