CCOO advirte de que a desinfección ambiental con ozono non é un procedemento avalado polas autoridades sanitarias

O sindicato considera máis eficaz actuar preventivamente polas diferentes vías que poden ocasionar un contaxio de COVID-19
Publicado por o día 08/05/2020 na sección de CC.OO,Coronavirus,Salud,Sanidad,Sindicatos

CCOO advirte de que a desinfección ambiental con ozono non é un procedemento avalado polas autoridades sanitarias

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia advirte de que a desinfección ambiental con ozono non é un procedemento avalado polas autoridades sanitarias. Os produtos desinfectantes autorizados e rexistrados en España, con eficacia demostrada fronte a este coronavirus, aparecen nas listaxes publicadas polo Ministerio de Sanidade. Pero non é o caso deste gas, sinalan desde a Secretaría de Saúde Laboral de CCOO e o seu Gabinete de Saúde Laboral.

A listaxe ministerial recolle produtos que poden ser aplicados polo público en xeral e outros só por persoal profesional ou especializado. Os biocidas reservados ao persoal especializado só poden ser aplicados por empresas de servizos biocidas, que deben estar inscritas no Rexistro Oficial de Servizos Biocidas das comunidades autónomas.

No caso do ozono, este gas non aparece na listaxe de produtos viricidas autorizados e rexistrados en España. Por esta razón, o seu uso como desinfectante ambiental non está avalado pola Unión Europea, «pois descoñécense as doses necesarias para garantir a súa eficacia como viricida e os efectos sobre a saúde destas concentracións», apunta o secretario de Saúde Laboral, Roi Fernández.

Para a desinfección de locais e materiais de traballo débense utilizar produtos viricidas —eliminan ou inactivan o virus— cuxa utilización sexa segura. Así mesmo, deben cumprir a normativa europea UNE-EN 14476 e, polo tanto, precisan estar avaliados e rexistrados antes da súa comercialización e utilización.

A Sociedad Española de Sanidade Ambiental (SESA) sinala que a utilización do ozono e do dióxido de cloro pode dar unha falsa sensación de seguridade ás persoas, por ser produtos que non teñen constatada a acción viricida. Canto ao emprego de túneles e arcos desinfectantes de ozono, menciona que non existe en España ningún produto biocida autorizado polo Ministerio de Sanidade para empregar mediante nebulización sobre as persoas.

Actuar na prevención

A situación polo COVID-19 fai necesario adoptar medidas específicas nas empresas, en función das características concretas de cada actividade. Con todo, para CCOO, é «moito máis eficaz» actuar preventivamente sobre as diferentes vías polas que se pode producir o contaxio e a diseminación do virus antes ca aplicar medidas de acción posterior.

Neste sentido, o secretario de Saúde Laboral salienta a importancia das medidas de hixiene persoal —lavado frecuente de mans e hixiene respiratoria— e de limpeza, gardar a distancia de seguridade —incluíndo barreiras e limitacións de aforo— e utilizar equipos de protección —luvas, máscaras e lentes—. Por último, Fernández lembra que as empresas teñen a obriga de cumprir cos principios de prevención e priorizar as medidas de protección colectivas sobre as individuais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.