CCOO afirma que non haberá solución para as plantas de Alcoa «se non cambia a postura do Goberno de España»

O sindicato esixirá dimisións no Executivo central se a multinacional estadounidense cumpre a ameaza de comezar os despedimentos esta semana
Publicado por o día 14/01/2019 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO afirma que non haberá solución para as plantas de Alcoa «se non cambia a postura do Goberno de España»

Comisións Obreiras (CCOO) afirma que non haberá solución para as plantas de Alcoa «se non cambia a postura do Goberno de España». Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, esixirá dimisións no Executivo central se a multinacional estadounidense cumpre a ameaza de comezar os despedimentos esta semana.

O sindicalista reprocha que os ministerios implicados —Traballo, Industria e Transición Ecolóxica— se poñan «de perfil» ante este conflito, sen achegar ningunha solución. Ledo é especialmente crítico co de Industria, que se negou a participar en reunións cos sindicatos, polo que a mesa de negociación de hoxe se traslada ao Ministerio de Traballo.

Con todo, tamén hai críticas para o Ministerio de Transición Ecolóxica, que nun recente cumio entre Administracións e empresas para alcanzar un novo marco para as industrias electrointensivas —como é o caso de Alcoa, pero tamén de Ferroatlántica—, renunciou a participar.

Ledo sinala que se o Ministerio de Transición Ecolóxica non desenvolve un real decreto e un estatuto para a industria electrointensiva, «será moi complicado chegar a calquera solución que non sexa un simple parche». Se aparece un investidor, cómpre que o Ministerio lle poida ofrecer «un marco axeitado».

Por último, o secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia esixe a «intervención» do Goberno, pero aclara que «isto non significa directamente a nacionalización». Segundo explica Ledo, para garantir o futuro das plantas da Coruña e de Avilés debe continuar a actividade electrolítica nas factorías e, se Alcoa pretende paralizala a partir do día 16, «terá que haber quen dea a orde de mantela durante un período ponte ata que chegue un investidor».

Comentar noticia

Your email address will not be published.