CCOO afirma que se reduce o paro á custa de crear postos de traballo «precarios e sen futuro»

Publicado por o 07/05/2017
CCOO afirma que se reduce o paro á custa de crear postos de traballo «precarios e sen futuro»

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que a redución do paro vai ligada á creación de emprego en condicións «precarias e con data de caducidade». Desde o sindicato insisten en que a falta de postos de traballo de calidade, especialmente pola elevada temporalidade, se está convertendo nun «problema crónico» en Galicia. Ao tempo, a evolución do desemprego e da afiliación volven a situar a Galicia «no vagón de cola» do Estado.

Segundo a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, os últimos datos do paro rexistrado amosan que se formalizaron moitos contratos, mais de pouca duración: só 5.335 afiliación novas por 74.091 contratos realizados. Isto implica «man de obra de baixo custo» e condicións laborais «indignas que cronifican a situación de pobreza laboral para moitos galegos e galegas». En definitiva, emprego «inestable» e ligado a un modelo produtivo precario asentado nos servizos de baixo valor engadido.

Bouza reivindica «outras políticas», enfocadas a «atender as necesidades das galegas e dos galegos». Para isto, na súa opinión, cómpre un «cambio estrutural» do modelo produtivo, orientado cara a actividades de maior valor engadido e emprego de calidade. Insta tamén a impulsar o investimento público e a demanda interna, así como a recuperar os índices de protección social anteriores á crise.

Para o cumprimento destes obxectivos, a responsable de Emprego de CCOO esíxelle á Xunta que «faga súas» estas prioridades, «para que Galicia sexa un lugar próspero onde os galegos e as galegas poidan traballar e vivir con dignidade».

Análise do paro rexistrado

O paro rexistrado baixou, «como era previsible, porque é o que sucede adoito nesta época do ano», apunta Bouza. Con todo, no mes de abril había 204.629 persoas desempregadas inscritas nas oficinas do servizo público de emprego: 113.822 mulleres (representan o 56% do desemprego) e 90.807 homes. Dese total, 10.021 persoas tiñan menos de 25 anos e supuñan o 5% do paro rexistrado.

En proporción, o paro rexistrado baixou menos en Galicia que na media estatal, tanto na comparación mensual como na anual. En comparación co mes de marzo, hai 5.427 persoas menos en paro en Galicia, o que equivale a un descenso do 2,58% fronte ao do 3,49% no Estado. A baixada foi maior nos homes ca nas mulleres (3.243 parados menos fronte a 2.184 paradas menos) e, por grandes grupos de idade, o descenso máis acusado dáse en menores de 25 anos: hai 289 persoas paradas menos entre os menores de 25 anos (–2,80%) e 5.138 menos entre as maiores desa idade (–2,57%).

Por sectores, o paro rexistrado descende en todos eles agás no colectivo sen emprego anterior (29 persoas paradas máis ca no mes de marzo): 272 persoas paradas menos na agricultura (−3,49%), 774 na construción (–3,46%), 3784 nos servizos (−2,73%) e 626 na industria (−2,57%). Polo tanto, atendendo ao sector, este mes as persoas máis prexudicadas son as que carecen de experiencia laboral.

En termos anuais, o desemprego baixou en 23.524 persoas (−10,31% fronte ao −10,92% na media estatal). Desde abril de 2016, o descenso do paro rexistrado tamén é maior nos homes (13.607 parados menos e 9.917 paradas menos) e, por grupos de idade, nos menores de 25 anos: 1991 menores de 25 anos (−16,58%) e 21.533 maiores desa idade (−9,96%). Por sectores de actividade, o descenso do paro atangue a todos pero de forma máis acentuada a construción (−19,71%).

Análise da contratación

No mes de abril deste ano rexistráronse 74.091 contratos, e o 91,63% son temporais. En relación co mes anterior formalizáronse 3.262 contratos menos e a caída maior deuse na contratación indefinida: 1.441 contratos indefinidos menos (–18,85%) e 1.821 temporais menos (–2,61%).

En termos anuais, avanzou máis a contratación temporal que a indefinida: 5.835 contratos temporais máis (+9,40%) e 315 indefinidos máis (+5,35%).

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social medra máis devagar en Galicia que na media estatal, tanto na comparación mensual coma na anual. No mes de abril había 5335 afiliacións máis ca no mes de marzo, o que supón un incremento do 0,56% (a porcentaxe na media estatal era do 1,18%). Por réximes, destaca a perda de 81 afiliacións no do mar.

Desde o mes de abril de 2016 hai 21.112 afiliacións máis en Galicia pero, en proporción, a afiliación media á seguridade social tamén sobe menos na nosa comunidade ca na media estatal: 2,24% e 3,77%, respectivamente. Por réximes, destaca a perda de afiliación no de autónomos (1.554 afiliacións menos) e no do fogar (43 afiliacións menos).

No mes de abril, o descenso do desemprego foi maior que a suba da afiliación na comparación mensual (5.427 persoas paradas menos fronte a 5.335 afiliacións máis) e na anual (23.524 persoas paradas menos fronte a 21.112 afiliacións máis). É un dato negativo porque detrás desa evolución están causas como a emigración e a retirada do mercado laboral das persoas desanimadas pola falta de oportunidades.

Prestacións por desemprego

No mes de marzo de 2017 había 8.715 persoas menos percibindo prestacións por desemprego ca no mesmo período do ano anterior (−8,02%) e o gasto en prestacións por desemprego baixou un 5,68% no último ano.

En Galicia, só o 51,82 % das persoas paradas con experiencia laboral perciben prestacións por desemprego. Polo tanto, hai unhas 93.000 persoas paradas con experiencia laboral que xa carecen de cobertura por desemprego.

Canto á distribución das prestacións, destaca a perda de calidade porque hai máis persoas percibindo o subsidio por desemprego que unha prestación contributiva. O pasado mes de marzo, o 47% das prestacións por desemprego eran subsidios e as contributivas só representaban un 41%.

Polo tanto, no mes de marzo de 2017 había 100 006 persoas cobrando unha prestación por desemprego e a repartición por modalidades era a seguinte: 47.355 percibían un subsidio por desemprego (representan o 47% do total das prestacións), 40.833 contributivas (o 41% do total), 11.017 a renda activa de inserción e 801 correspondían ao programa de activación de emprego.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.

ANUNCIOS DESTACADOS EN VIGO

crear anuncio

Amura Restaurante

http://www.amuravigo.es

Gran variedad de pescados, carnes, mariscos y pastas en Carral 32

Servicios web

http://www.donwebmaster.com

Dominios, hosting, diseño web, redacción, .. al mejor precio

ARI

http://editorialcirculorojo.com

El libro de Luis Soler con una historia que te sorprenderá