CCOO amosa a súa repulsa ante o último asasinato machista e chama a participar nas concentracións

Publicado por o día 27/01/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO amosa a súa repulsa ante o último asasinato machista e chama a participar nas concentracións

O Sindicato Nacional de CCOO en Galicia, ante o último asasinato ocorrido no concello lugués da Pastoriza, reitera o seu rotundo e total rexeitamento ás violencias contra as mulleres, a expresión máis dramática e cruel das desigualdades materiais e culturais que persisten, dirixidas a atacar a liberdade, a seguridade, a autonomía das mulleres e a mantelas nunha inxusta situación de inferioridade.

Reivindica a necesidade de:

— Mellorar o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas da violencia de xénero, desenvolvendo medidas de actuación e adaptándoo ás necesidades individuais das vítimas.
— Traballar no establecemento de protocolos que garantan os dereitos laborais das traballadoras en situación de violencia e na implicación máis activa da Inspección de Traballo.
— Impulsar, na negociación de convenios e plans de igualdade, o desenvolvemento dos dereitos das vítimas da violencia machista.
— Negociar protocolos fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo.
— Esixir que mellore a resposta institucional mediante a formación, cooperación e coordinación de Administracións, ámbito xudicial e policial, fiscalía, avogacía, profesionais sanitarios e sociais.
— Esixir no ámbito educativo medidas que inclúan valores que fomenten a igualdade, a diversidade, a tolerancia e a educación sexual afectiva.
— Esixir que se erradique o sexismo nos medios de comunicación, e dar formación especializada a profesionais.
— Esixir que se incorpore a perspectiva de xénero nos códigos deontolóxicos.
— Esixir reforzo e aplicación dos protocolos sanitarios para a detección precoz da violencia, con programas de formación ao conxunto de profesionais sanitarios.
— Esixir a ratificación do Convenio 190 e a Recomendación 206 da OIT contra a violencia e o acoso no lugar de traballo, para poder visibilizar, previr, actuar e erradicar as violencias e acosos no lugar de traballo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.