CCOO atendeu 28.000 consultas durante o estado de alarma

Tras implementar medidas de prevención, o sindicato retoma esta semana a atención presencial nos seus locais, para o que será necesario acudir con cita previa
Publicado por o día 19/05/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO atendeu 28.000 consultas durante o estado de alarma

Entre o 14 de marzo e o 14 de maio, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia atendeu unhas 28.000 consultas. A maior parte foron de afiliados e afiliadas, pero unha porcentaxe considerable (20 %) procederon de persoas sen vínculo previo co sindicato, o que «demostra que somos unha ferramenta útil para toda a clase traballadora», sinala o secretario xeral, Ramón Sarmiento.

Polo tipo de consulta, a maioría (86 %) tiveron relación directa ou indirecta coa COVID-19 e só un 14 % se referiron a outro tipo de cuestións.

Do total de consultas atendidas por CCOO durante o estado de alarma, case a cuarta parte (o 24 %, unhas 6700) versaron sobre os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). «Cómpre apuntar que máis de 200 000 galegos e galegas foron incluídos nun ERTE nos últimos dous meses», sinala Sarmiento.

Os restantes temas atendidos por CCOO foron sobre a prevención de riscos laborais (19 %), as incapacidades temporais derivadas da COVID-19 (13 %), os diferentes tipos de prestación a que se ten dereito debido á crise sanitaria (12 %), a conciliación da vida familiar e laboral (10 %) e os despedimentos (8 %).

O secretario xeral de CCOO salienta que toda a organización «se implicou e multiplicou» para afrontar «con garantías» os retos impostos por esta crise sanitaria, ata o punto de que cada delegado e cada delegada «se reconverteu axiña en delegado ou delegada de prevención, en experto na negociación dun ERTE e en referencia na súa empresa ou centro de traballo. Nisto consiste a grandeza do noso sindicato: nas persoas que fan parte del».

CCOO retoma a atención presencial

Así mesmo, o sindicato informa de que esta semana retoma a atención presencial nos seus locais, tras implementar nas últimas semanas medidas e protocolos de prevención. Para acudir ás sedes de CCOO, será necesario obter previamente unha cita —na web www.ccoo.gal están accesibles os contactos telefónicos— e respectar as indicacións do persoal sindical no relativo ao aforo, distancia social e medidas hixiénicas.

coo

Comentar noticia

Your email address will not be published.