CCOO avoga por un modelo «público, democrático e transparente» de xestión do ciclo da auga

O sindicato defende remunicipalizar os servizos de xestión, na liña de experiencias «de éxito» en Galicia e no resto do estado
Publicado por o día 22/03/2017 na sección de CC.OO,Medio Ambiente,Sindicatos,Vigo

CCOO avoga por un modelo «público, democrático e transparente» de xestión do ciclo da auga

O 22 de marzo de cada ano, por iniciativa das Nacións Unidas, conmemórase o Día Mundial da Auga como referente para chamar a atención sobre a problemática xeral deste elemento. Comisións Obreiras (CCOO) aproveita a ocasión para avogar por un modelo «público, democrático e transparente» de xestión do ciclo da auga.

O sindicato rexeita os intentos de impulsar a privatización dos servizos do ciclo da auga, a pesar de que «cada vez se ve máis claro» que o que subxace non é a mellora da subministración, senón o financiamento extraordinario dos concellos a través dos canons ás concesións.

Os casos de corrupción vinculados á xestión do ciclo urbano da auga por parte de empresas privadas —que causaron escándalo en Galicia e teñen ramificacións noutras comunidades autónomas—, xunto á suba «desproporcionada» das tarifas de consumo, a «precarización» das condicións de traballo e os «incumprimentos» en materia laboral e ambiental son, a xuízo de CCOO, razóns para deostar este modelo.

Fronte a esta situación, son «cada vez máis numerosos» os casos da reversión destes servizos ás mans privadas, con varias experiencias «de éxito» xa en Galicia. Segundo CCOO, a remunicipalización hase facer seguindo os criterios do respecto aos dereitos laborais do persoal, transparencia na xestión e defensa do servizos público.