CCOO censura a «hipocrisía» da Xunta por lle impedir a unha traballadora conciliar a vida familiar e laboral

O sindicato critica que a afectada xa tivera que acudir á Xustiza para que lle fosen recoñecidos os seus dereitos e lamenta que, neste caso, probablemente o deba facer de novo
Publicado por o día 09/03/2017 na sección de CC.OO,Empresas,Galicia,Sindicatos,Vigo

CCOO censura a «hipocrisía» da Xunta por lle impedir a unha traballadora conciliar a vida familiar e laboral

As iniciativas de conciliación familiar son unha das promesas recorrentes da Xunta de Galicia, especialmente no marco do reto demográfico do país. Aínda esta mesma semana, na xornada «Lidera, avanzando en igualdade», o presidente galego anunciaba que nesta lexislatura se poría en marcha o I Plan Galego de Conciliación. Con todo, a Administración autonómica teima en lle impedir a conciliación a unha empregada pública.

A afectada é nai de familia numerosa —ten tres fillos menores de idade— e desprázase diariamente desde o seu domicilio na Coruña ata o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en San Cibrao das Viñas (Ourense). A distancia obrígaa a utilizar acotío máis de tres horas para os desprazamentos.

O CTC é unha entidade pública incluída na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamiento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Porén, «e sen argumentación motivada e fundamentada ningunha», a traballadora é excluída da aplicación do contido na orde do 20 de decembro de 2013 sobre a xornada, flexibilidade horaria e teletraballo.

Comisións lembra que «chove sobre mollado», pois esta traballadora xa tivera que acudir aos tribunais para que se lle recoñecese o dereito á flexibilidade laboral e redución horaria. «Polo tanto, ten recoñecido por sentenza o dereito á non presenza diaria no CTC polas características do seu posto», o cal constitúe un dos «requisitos esixibles» para a concesión do teletraballo, ao amparo da devandita orde.

CCOO denuncia a «discriminación» da empregada respecto, por exemplo, do persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), que tamén depende de Medio Rural e conta con persoal que realiza funcións moi similares ás da afectada e en réxime de teletraballo.

O sindicato censura a «hipocrisía» da Xunta ao publicitar iniciativas en materia de conciliación cando pon «atrancos» ao seu propio persoal, que incluso «se ve na obriga de recorrer á Xustiza para que os seus dereitos lle sexan recoñecidos», como previsiblemente deba facer novamente esta muller. O sector da Administración autonómica de CCOO alerta de que a traballadora, mentres non lle sexa concedido o teletraballo, estase a acoller a unha redución de xornada e, polo tanto, de salario, «o que lle provoca unha perda de poder adquisitivo que non tería por que padecer».