CCOO chama a «acordos amplos» en Galicia porque a próxima lexislatura «vai ser determinante»

Ramón Sarmiento critica a «falta de dinamismo» da política industrial da Xunta e insta a aproveitar o talento dos nosos campus
Publicado por o día 14/07/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO chama a «acordos amplos» en Galicia porque a próxima lexislatura «vai ser determinante»

O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, considera que cómpre un cambio de estilo no Goberno galego que «aposte por buscar acordos amplos». Na súa opinión, a sociedade demanda un espazo de acordo que responda ao difícil momento industrial, social e laboral. «Debemos atinar, sobre todo na primeira parte da lexislatura», explicou o sindicalista na entrevista concedida este mediodía a Radio Vigo-Cadena SER.

«Feijóo é o primeiro interpelado a nos emprazar aos axentes sociais e forzas políticas para darnos a oportunidade de que o noso país tamén dispoña dun acordo amplo de reconstrución económica», sinalou o secretario xeral de CCOO.

Sarmiento puxo en valor as potencialidades de Galicia, que «ten vimbios» para artellar respostas axeitadas tanto a problemas que veñen de vello —caso do sector naval de Vigo, a situación da automoción ou das industrias electrointensivas— como aos desafíos derivados da transición ecolóxica.

Segundo o secretario xeral de CCOO, Galicia precisa «identificar cales son os vectores de oportunidade para o noso territorio» e apuntou ás potencialidades vinculadas á transición ecolóxica. Neste sentido, criticou que a Xunta o fíe todo ao investimento estranxeiro, que «non ten moito percorrido», no canto de aproveitar «o talento e iniciativas» que xorden nos campus universitarios que Galicia «non é quen de reter por falta de dinamismo» da Administración.

Por último, alertou do risco da centralización na toma de decisións por parte das multinacionais e instou o Goberno central a tomar medidas, especialmente no que atangue á reforma laboral, para que as multinacionais non o teña tan doado, «como nos está acontecendo agora con Alcoa», concluíu Sarmiento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.