CCOO chama a dar solucións políticas aos conflitos políticos

O sindicato rexeita a xudicialización do conflito catalán porque acrecenta a tensión e dificulta unha saída axeitada
Publicado por o día 03/11/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos,UGT

CCOO chama a dar solucións políticas aos conflitos políticos

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia comparte os termos do comunicado conxunto de CCOO e UGT de Cataluña en relación coa orde de entrada en prisión de varios ex-conselleiros do Goberno catalán, previamente destituídos das súas responsabilidades após a aplicación do artigo 155 da Constitución. O sindicato rexeita a xudicialización deste conflito, xa que acrecenta a tensión e dificulta unha saída axeitada.

 Así mesmo, as CCOO de Galicia amosan o seu apoio e solidariedade a quen vive o conflito en primeira persoa.
Reproducimos a seguir o comunicado íntegro de CCOO e UGT de Cataluña.* * *

CCOO e UGT denuncian a desproporción procesual que supuxo a prisión incondicional dos membros cesados do Goberno da Generalitat

CCOO e UGT manifestamos durante todo o conflito relacionado co proceso nacional en Cataluña a necesidade de abordar os problemas políticos desde a política e non desde a xudicialización.

O fiscal xeral do Estado abriu causas de sedición para os líderes das entidades Òmnium Cultural e ANC, e por rebelión, sedición e malversación de fondos públicos para os membros do Goberno, alegando causas xuridicamente cuestionables para motivar as querelas e utilizando argumentos desproporcionados, ao noso ver. Isto significa engadir maior tensión a un conflito tan complexo como este.

As administracións catalás están a funcionar con normalidade e sen resistencia evidente após a aplicación do 155 aprobada polo Senado e aplicada polo Goberno do Estado.

Todos os partidos políticos en Cataluña e o cesado presidente da Generalitat aceptaron concorrer ás eleccións convocadas por Mariano Rajoy para o vindeiro 21 de decembro.

Con estes feitos, CCOO e UGT entendemos totalmente desproporcionada a decisión do fiscal e da xuíza de ditaminar prisión incondicional para os membros cesados do Goberno da Generalitat, e por iso demandamos a súa inmediata posta en liberdade.

Cataluña precisa recuperar a normalidade social, política e económica, e o marco de eleccións é máis un paso para abrir o camiño e resolver o conflito politicamente. É un grave erro interferir xuridicamente neste proceso e facelo coa desproporción con que se fixo. Preservar o marco xurídico de convivencia hase de facer a prol dos intereses da cidadanía, cousa que non aconteceu desta volta.

É a hora de rebaixar tensións e utilizar o diálogo e a negociación para chegar a acordos. É o momento da política, dos partidos, das propostas, da participación cidadá, da democracia.

Desde UGT e CCOO defendemos estes espazos como o mellor camiño para recuperar a normalidade, estabilizar as institucións e a economía, para defender os dereitos dos traballadores e das traballadoras e para exercer plenamente a democracia.

CCOO e UGT, cos nosos gabinetes xurídicos, traballaremos a tramitación das denuncias e reclamacións correspondentes aos estamentos políticos e xudiciais, tanto no Estado coma en Europa.

UGT e CCOO somos organizacións plurais e diversas, como a sociedade catalá, e seguiremos a apostar por espazos inclusivos que permitan defender os dereitos sociais e nacionais do conxunto dos traballadores e das traballadoras.