CCOO chama a mobilizarse contra o último crime machista en Galicia

A Plataforma Feminista Galega, da que forma parte CCOO, convoca concentracións para mañá mércores, día 23 de agosto, ás 20 horas, contra o último crime machista cometido no noso país
Publicado por o día 22/08/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO chama a mobilizarse contra o último crime machista en Galicia

A Plataforma Feminista Galega, da que forma parte CCOO, convoca concentracións para mañá mércores, día 23 de agosto, ás 20 horas, contra o último crime machista cometido no noso país. Esta vez ocorreu na Coruña, onde unha muller de 73 anos foi asasinada polo seu xenro, quen posteriormente secuestrou a súa filla de 21 meses. Con este último asasinato xa son 63 as vítimas da violencia machista no que levamos de 2017, 56 mulleres e sete menores.

As concentracións terán lugar nas seguintes localidades, todas elas ás 20 horas:

— Santiago de Compostela, praza 8 de Marzo
— Pontevedra, Audiencia Provincial
— Marín, diante do Concello
— Bertamiráns, praza da Maía
— A Coruña, Obelisco
— Ourense, Castiñeira
— Vigo, MARCO

CCOO e o movemento feminista lamentan a falta de recursos para combater a violencia machista. O sindicato únese ás voces que esixen a creación de xulgados galegos especializados e que as prazas sexan cubertas en período de vacacións, porque «a violencia machista non colle vacacións».

Ademais, o feminismo galego reclama que os centros de información ás mulleres (CIM) conten cos recursos requiridos por decreto para garantir o seu correcto funcionamento.