CCOO, CIG, CSI-F e UGT acusan o novo conselleiro do Medio Rural de «mentir sen pudor» no Parlamento

Mentres José González Vázquez afirmou que estaba a rematar coa temporalidade no SPDCIF, os sindicatos lémbranlle que máis do 60 % do servizo é persoal temporal «en fraude de lei»

CCOO, CIG, CSI-F e UGT acusan o novo conselleiro do Medio Rural de «mentir sen pudor» no Parlamento. O titular da carteira, José González Vázquez, afirmou nunha intervención na Cámara autonómica que estaba a rematar coa temporalidade no Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Porén, os sindicatos ínstano a «non faltar á verdade» e lémbranlle que o 60 % do servizo está formado por persoal temporal «en fraude de lei».

Segundo os sindicatos, o colectivo consta de 1939 traballadoras e traballadores, dos cales 1200 son temporais en fraude de lei, pois levan máis de tres anos nas súas prazas sen que a Administración lles dese a oportunidade de consolidalas mediante un concurso-oposición, tal como esixe a Lei de emprego público de Galicia.

Doutra banda, do total de efectivos, 436 teñen un contrato de catro meses e outros 610, de nove meses, que suman 1046 traballadores e traballadoras. Isto é, máis da metade do operativo traballa só uns meses ao ano.

Non hai incremento de persoal

Os sindicatos tamén lle reprochan a González Vázquez que o ano que vén non se incrementará en 600 persoas o efectivo, como afirmou perante as deputadas e deputados. Realmente, vanse trasladar á Xunta os postos de traballo que en anos anteriores contrataba durante a época de alto risco á empresa pública Servizos Agrarios Galegos S. A. (SEAGA). Polo tanto, o incremento de efectivos «é igual a cero».

Non hai prevención

CCOO, CIG, CSI-F e UGT aseguran que non hai unha aposta da Xunta pola prevención de incendios. «É unha falacia, porque case todo o orzamento, máis de cen millóns, gástase en extinción». Para as catro organizacións, a maior proba de que non hai prevención é que, no lapso dun mes —do 31 de outubro ao 30 de novembro—, a Consellaría do Medio Rural envía ao paro máis de mil traballadores e traballadoras do SPDCIF, após remataren os contratos de catro e nove meses.

Reunión co conselleiro

Debido a esta situación, os catro sindicatos instan o novo conselleiro a recibir «de maneira urxente» a representación legal do colectivo para constituír unha mesa de diálogo que permita atopar solucións a esta precariedade.

Por último, CCOO, CIG, CSI-F e UGT anuncian que pedirán reunións coas deputadas e deputados que constitúen o grupo de especialistas que se encargará de revisar o funcionamento do SPDCIF, aos que exporán as súas reivindicacións.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM