CCOO coida que a sentenza do TSXG sobre o incendio de Fornelos de Montes é «insuficiente» e chega «tarde»

O sindicato lamenta que o TSXG «valore tan pouco» as vidas dos dous brigadistas falecidos, malia que a Xunta deberá incrementar as indemnizacións para as familias
Publicado por o día 20/06/2017 na sección de CC.OO,Medio Ambiente,Sindicatos

CCOO coida que a sentenza do TSXG sobre o incendio de Fornelos de Montes é «insuficiente» e chega «tarde»

Comisións Obreiras (CCOO) coida que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o incendio de Fornelos de Montes do 2010, no que faleceron dous brigadistas, é «insuficiente» e chega «tarde». Asemade, o sector da Administración autonómica do sindicato lamenta que o alto tribunal «valore tan pouco» as vidas dos dous falecidos e denuncian que á Xunta lle sae «barato» incumprir a normativa de prevención de riscos laborais, malia que a Xustiza a obrigue agora a incrementar as indemnizacións para as familias.

 A sentenza considera a Xunta responsable do «fatal desenlace» pola atraso na chegada dunha motobomba que podería ter evitado a desgraza, de aí que a obrigue a unha maior indemnización. Con todo, CCOO considera que a resolución xudicial chega «tarde» e resulta «insuficiente», xa que segue a eximir de responsabilidades penais os máximos dirixentes nese momento do dispositivo de loita contra incendios: Jorge Atán (secretario xeral da Consellaría do Medio Rural), Tomás Fernández-Couto (director xeral de Montes) e Pablo Arbones (director xerente de SEAGA).

CCOO coida «vergoñento» que a Inspección de Traballo, a Fiscalía e a propia xuíza eximan a Administración de toda responsabilidade alén das indemnizacións, a pesar dos «máis que evidentes fallos» nas medidas preventivas, que xogaron un «papel determinante» nesta desgraza. O sindicato xa criticara no seu momento que non fosen aceptadas probas e testemuños que se pediran no primeiro xuízo, levado a cabo polo Xulgado de Redondela.

Maiores indemnizacións

Sete anos despois, o TSXG condena a Xunta a incrementar as indemnizacións para as familias de Rodrigo Amo González e Julio Martínez da Silva. Neu día recibiran 75.000 euros en indemnizacións por parte do seguro da Xunta e da Administración central, co que se estimaba parte o recurso contencioso-administrativo interposto contra Medio Rural, que inicialmente desestimara a reclamación de responsabilidade patrimonial. Agora, o alto tribunal galego ordena que os pais dos dous brigadistas reciban 30.000 euros adicionais e 11.250 os seus irmáns.

CCOO pide reabrir o caso

Para CCOO, estas mortes non se resarcen con máis diñeiro, «senón con xustiza». Por esta razón, pide a reapertura do caso e que se permita achegar novos informes, «máis exhaustivos e independentes», amais de chamar a declarar a Atán, Fernández-Couto e Arbones, en tanto que responsables do persoal que actuaba nese incendio forestal.