Comisións Obreiras (CCOO) congratúlase de que o Consello da Xunta, reunido hoxe, aprobe o acordo para a promoción interna, estabilización do emprego, funcionarización e carreira profesional. Isto dá cumprimento ao aprobado o pasado 27 de decembro na comisión de persoal, onde CCOO votou favorablemente. Trátase dun pacto «histórico» que recolle importantes melloras e que non sería posible sen os consensos acadados no ámbito estatal grazas ao labor deste sindicato.
CCOO lembra que o persoal da Administración xeral —tanto funcionario como laboral— era o único que aínda non tiña un acordo retributivo propio en Galicia. De feito, o anterior data do período 2006-2009.
Comisións salienta que este pacto galego foi grazas ao II Acordo para a Mellora do Emprego Público para o período 2018-2020, asinado o pasado marzo en Madrid, que recolle incrementos salariais, estabilización de emprego para substituír emprego precario por emprego estable —e reducir a taxa de temporalidade ao 7 %—, o fomento da promoción interna, a recuperación do 100 % do salario en casos de baixa médica e a recuperación da negociación colectiva.
O pacto estatal foi unha «ferramenta indispensable» para abrir esta negociación en Galicia. Isto, xunto coa presión sindical, desembocou nun acordo que agora recibe a luz verde por parte do Consello da Xunta. Para CCOO, trátase «do mellor acordo posible» nas actuais circunstancias e lembra que «a negociación non rematou», xa que haberá unha comisión de seguimento que permitirá «seguir avanzando na recuperación dos dereitos arrebatados».
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.