CCOO considera «desaxeitada» a estancia de doentes psiquiátricos en residencias da terceira idade

O sindicato insta a Xunta a habilitar centros específicos e dotalos de recursos
Publicado por o día 21/02/2018 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO considera «desaxeitada» a estancia de doentes psiquiátricos en residencias da terceira idade

A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO de Galicia considera «desaxeitada» a estancia de pacientes psiquiátricos nas residencias da terceira idade. Segundo o sindicato, non contan con persoal especializado, polo que as necesidades asistenciais destes doentes «non están cubertas».

CCOO-Sanidade apunta que estes doentes precisan coidados e atención de profesionais da psiquiatría, de enfermería especializada e TCAE (técnicos en coidados auxiliares de enfermaría) con formación en saúde mental. Isto é, o persoal propio dunha unidade residencial dun hospital psiquiátrico. O sindicato coida que os xerocultores e xerocultoras non poden atender todas estas necesidades, «menos aínda coas ratios que se manexan nas residencias».

Seguimento por profesionais

Desde CCOO-Sanidade explican que nunha residencia con pacientes psiquiátricos anciáns, «é probable que a sintomatoloxía psiquiátrica estea atenuada». Iso non significa que non precisen dun seguimento psiquiátrico especializado, porque «poden sufrir descompensacións» —habituais cando hai un cambio de medio.

Outros problemas

Para CCOO, os principais problemas teñen que ver co ingreso de persoas relativamente novas e activas que non se adaptan ao «estilo de vida residencial», o que ocasiona condutas «disruptivas». O sindicato defende que é mellor a súa atención noutro tipo de centros en vez de sobremedicalos para mantelos sen conflitos dentro das residencias.

CCOO-Sanidade tamén alerta do «uso incorrecto» dos sistemas de suxeición homologados, carencia derivada da falta de formación en coidados e técnicas necesarias no campo da saúde mental. Neste senso, o sindicato coida que as persoas que traballan nas residencias están «terriblemente expostas» se non existe indicación facultativa nin avaloación continuada da necesidade de suxeición, o que podería incluso ter «consecuencias legais».

O papel da Xunta

CCOO-Sanidade coida que os doentes psiquiátricos máis novos deberían estar en centros hospitalarios específicos. Canto a pacientes anciáns, como mínimo deberían contar co seguimento de persoal especializado. O sindicato insta a Xunta a habilitar centros especializados e dotalos de recursos, para que esta tipoloxía de doentes reciba atención nas mellores condicións.