CCOO convoca unha concentración contra os despedimentos e os abusos laborais en Médicos Sen Fronteiras

O sindicato rexeita os despedimentos na oenegué, baseados na execución dunha cláusula contractual abusiva e denunciada perante a Xustiza
Por o 29/08/2017 | Sección: CC.OO,Protestas,Sindicatos
CCOO convoca unha concentración contra os despedimentos e os abusos laborais en Médicos Sen Fronteiras

Comisións Obreiras (CCOO) convoca unha concentración contra os despedimentos e os abusos laborais en Médicos Sen Fronteiras. Será o próximo mércores, 30 de agosto, ás 20 horas, fronte á sede da oenegué en Santiago de Compostela (rúa do Vilar, n.º 11). O sindicato rexeita os despedimentos na entidade, baseados na execución dunha cláusula contractual que coida abusiva e que está denunciada perante a Xustiza.

Desde CCOO lembran que a dita clásula prevé o despedimento disciplinario das traballadoras e traballadores que se dedican á captación de novas persoas socias cando non cheguen a un número determinado de altas. Porén, o feito de que ata o 80 % sexan incapaces de lograr o obxectivo é «proba abonda de que se trata dun precepto abusivo», sinalan representantes do sindicato.

CCOO tamén denuncia outro tipo de prácticas, como constantes cambios de contrato para que as traballadoras e traballadores non gañen experiencia; a exposición na rúa a agresións físicas, verbais e sexuais; as presións constantes por parte dos cargos intermedios para chegar a obxectivos ou deixar o posto de traballo; emprego gratis ou camuflado de voluntariado; horas a maiores fóra do horario laboral para intentar alcanzar os obxectivos.

A do próximo mércores será unha mobilización máis nun verán en que CCOO xa convocou varias concentracións contra a actitude de MSF, incluíndo unha acampada de varios días fronte á sede da rúa do Vilar.