CCOO critica que os trienios dos conselleiros sexan o dobre dos correspondentes aos grupos funcionariais de referencia

Un funcionario ou funcionaria do grupo A1 precisaría sesenta anos de vida laboral para cobrar dez mil euros máis ao ano
Publicado por o día 25/01/2018 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO critica que os trienios dos conselleiros sexan o dobre dos correspondentes aos grupos funcionariais de referencia

O sector da Administración autonómica de CCOO de Galicia critica que os trienios dos conselleiros sexan o dobre dos correspondentes aos grupos funcionariais de referencia. O coordinador sectorial do sindicato, Emilio Doforno, explica que un funcionario ou funcionaria do grupo A1 precisaría vinte trienios, isto é, sesenta anos de vida laboral para que a súa nómina anual aumentase nos dez mil euros adicionais que percibe, por exemplo, a conselleira de Infraestruturas.

Doforno coida «pouco edificante» que unha das principais preocupacións do Goberno galego sexa que algúns conselleiros cobren ata dez mil euros anuais máis ca outros —os titulares de Medio Rural, Economía e Política Social non perciben trienios—. O sindicalista non ve «nada casual» que, após a publicación da orde de confección de nóminas, esta diverxencia fora o punto que máis proxección mediática tivo.

O coordinador do sector da Administración autonómica de CCOO censura que a diferenza retributiva entre conselleiros sexa máis importante para os responsables da Xunta que o feito de que na función pública autonómica continúe habendo salarios de menos de mil euros líquidos. «É unha obscenidade facer das retribucións dos dirixentes un debate máis importante que a recuperación dos salarios recortados ao persoal público nos últimos anos», sentencia Doforno.

CCOO defende un acordo retributivo

Desde CCOO defenden un acordo retributivo para todo o persoal funcionario e laboral, partindo das seguintes premisas: incremento adicional dun 1 % da masa salarial para mellora de complementos; recuperación, mediante un acordo plurianual, do poder adquisitivo perdido nos últimos anos (14,1 %); derrogación da Lei 1/2012 e sucesivos recortes nas leis de orzamentos e de acompañamento; negociación dun acordo xeral que regule a segunda actividade para todos os colectivos con traballos penosos, e unha nova regulación dos tribunais de selección da Xunta, coa creación un órgano especializado e autónomo que garanta a transparencia nas oposicións.

Por último, CCOO pide un acordo para saldar a débeda contraída coas empregadas e empregados públicos galegos por mor do recorte nas pagas extra desde o 2013 ao 2016, que supón unha media de 3000 euros anuais por persoa. Isto poderíase cumprir mediante un pacto a tres anos vista, a razón da recuperación dun terzo do detraído para cada exercicio.