CCOO cualifica de «irresponsables» as declaracións do secretario de Estado de Orzamentos sobre a prestación de ingresos mínimos

Desde o sindicato critican que o responsable ministerial afirme que esta prestación provocaría a creba do sistema cando o Ministerio anuncia recorrentes baixadas de impostos
Por o 04/12/2017 | Sección: CC.OO,Sindicatos,Social
CCOO cualifica de «irresponsables» as declaracións do secretario de Estado de Orzamentos sobre a prestación de ingresos mínimos

O Sindicato Nacional de CCOO cualifica de «irresponsables» as declaracións do secretario de Estado de Orzamentos sobre a prestación de ingresos mínimos, a debate actualmente no Congreso, e que podería beneficiar en Galicia a case noventa mil persoas. Desde CCOO critican que o secretario de Estado de Orzamentos alerte de que a prestación provocaría a creba do sistema, a pesar de que o Ministerio anuncia recorrentes baixadas de impostos.

CCOO e UGT iniciaron hai algo máis de dous anos unha recollida de sinaturas a prol dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) para crear en España unha prestación de ingresos mínimos, configurada como unha axuda de 426 euros mensuais para as persoas que non teñan ningún tipo de ingreso. Os sindicatos lograron máis de 700.000 sinaturas de apoio, moi por riba do mínimo esixible —medio millón— para lograr a súa tramitación no Congreso dos Deputados; só en Galicia, CCOO reuniu máis de 25.000.

Para CCOO, as declaracións do secretario de Estado pretenden «crear alarma social» e así botar abaixo a aprobación da medida. Cómpre lembrar que xa no mes de setembro o PP e C’s uniron forzas cunha emenda á totalidade que desvirtuaría o texto da ILP. Nesa ocasión, atoparon o rexeitamento do resto das forzas da Cámara.

Tamén xustificou as críticas situando o custo da medida entre 15.000 e 30.000 millóns de euros, o que «suporía a creba da Facenda e poría en perigo o Estado do benestar». Porén, un informe de CCOO, baseado en datos oficiais da enquisa de condicións de vida do INE, demostra que o custo neto da medida tería sido de 8409 millóns no ano 2015 —exercicio do que se dispoñen os últimos datos—, isto é, a metade ou incluso a cuarta parte do aseverado polo responsable ministerial. Cómpre indicar que este tipo de axudas adoitan ser destinadas ao consumo e que o Estado recupera unha parte do diñeiro a través do IVE.

A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO de Galicia, Maica Bouza, agarda que o Ministerio de Facenda amose en diante «máis prudencia» coas súas afirmacións. Asemade, a sindicalista esixe «máis respecto», tanto aos milleiros de cidadáns e cidadás «que coa súa sinatura avalaron esta proposta» como aos case noventa mil beneficiarios que podería ter a prestación en Galicia, case dous millóns en todo o Estado.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.