CCOO da os primeiros pasos para garantir os dereitos do persoal de axuda a domicilio da Coruña

As representantes de CCOO en dúas das empresas adxudicatarias reuníronse hoxe coa concelleira de Asuntos Sociais, Silvia Cameán, para formular melloras no servizo
Por o 08/11/2016 | Sección: A Coruña,CC.OO,Galicia,Sanidad,Sindicatos,Vigo
CCOO da os primeiros pasos para garantir os dereitos do persoal de axuda a domicilio da Coruña

A Federación de Construción e Servizos de Comisións Obreiras deu hoxe os primeiros pasos para garantir os dereitos do persoal de axuda a domicilio da Coruña. As representantes de CCOO nos comités de empresa de Clece e Eulen reuníronse hoxe coa concelleira coruñesa de Asuntos Sociais, Silvia Cameán, para que o respecto ás condicións laborais apareza recollido nos pregos de condicións das próximas licitacións do servizo.

CCOO explicoulle á concelleira cales son deficiencias detectadas neste servizo, das que responsabiliza as adxudicatarias (Clece, Eulen e Ingesan). Tamén informaron a responsable municipal dos incumprimentos laborais: contratación irregular, modificacións unilaterais das condicións de traballo, excesos de xornada ou aboamentos incorrectos nas nóminas.

Así mesmo, pedíuselle a Cameán que o Concello actualice o plan individual de atención (PIA) das persoas dependentes, así como o plan de prevención de riscos nos domicilios en que se presta o servizo.

Desde CCOO coidan positiva a xuntanza, xa que Cameán amosou a predisposición do Concello a que os futuros pregos de condicións recollan as demandas sindicais, co obxectivo de dotar de estabilidade o servizo e protexer os dereitos laborais.

Por último, CCOO informa de que haberá unha nova xuntanza o vindeiro 17 de novembro, para avanzar nesta liña de traballo.