CCOO defende o acordo que desbloquea o conflito en Vitrasa, apoiado pola maioría absoluta do persoal

Comisións salienta que o 60 % das traballadoras e dos traballadores ratificaron o acordo nunha votación e lembra que tamén os sindicatos críticos participaron en todo o proceso
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de CC.OO,Galicia,Sindicatos,Vigo

CCOO defende o acordo que desbloquea o conflito en Vitrasa, apoiado pola maioría absoluta do persoal

Comisións Obreiras (CCOO) defende o acordo conseguido hai uns días que permitiu desbloquear o conflito laboral en Vitrasa, concesionaria do transporte urbano de Vigo. Malia que non se conseguiron todas as reivindicacións inicialmente formuladas, o sindicato coida que se trata dun bo acordo, xa que se conseguen moitas melloras que o persoal levaba anos reclamando.

Proba disto é que a votación celebrada o pasado día 9 aprobou por maioría absoluta a proposta pactada por CCOO e UGT coa empresa. Dos 294 votos emitidos, 173 (case o 60 %) expresaron a adhesión ao acordo.

Comisións lembra que todos os sindicatos participaron en todo o proceso negociador, isto é, tanto os favorables ao acordo (CCOO e UGT) como os que finalmente non se adheriron (CIG e USO). «Non se negociou nada ás costas de ninguén, porque todos estabamos na mesma mesa», sentencian desde CCOO.

Considerando que a proposta realizada pola empresa o pasado día 5 era beneficiosa para o persoal, Comisións Obreiras e UGT, que representan a maioría do comité, decidiron sometela á votación do persoal, como así aconteceu o martes 9 de outubro, co resultado xa coñecido: 173 votos a favor do acordo (58,84 %), 119 en contra (40,48 %) e 2 nulos (0,68 %).

Principais puntos do acordo

— Horas extraordinarias. Pagaranse conforme ao prezo actual, agás que o traballador ou traballadora solicite de forma expresa a súa compensación en tempo de descanso
— Eventualidade. Compromiso de conversión en indefinido das persoas con antigüidade de 2015 e 2016. Converterase once contratos en indefinidos nos próximos tres meses. Para o persoal con data a partir do 2017, e ata o remate do convenio, valorarase o desempeño entre os traballadores e traballadoras en activo e, e en caso de igual puntuación, optarase pola persoa con maior antigüidade.
— Plan de igualdade. Quen teña fillos ou fillas ata doce anos (no cómputo inclúese completamente o curso escolar en que cheguen a esa idade), gozarán as vacacións en xullo e agosto. Mediante petición expresa
doutra data por parte de traballador ou traballadoras poderanse gozar en períodos non lectivos no calendario escolar.
— Tempos de retirada. Compromiso da Xerencia de Operacións de efectuar unha revisión xeral das liñas e dos horarios, para garantir os descansos necesarios.
— Baños. A dirección da empresa comprométese a tratar coas autoridades municipais a problemática de falta de baños para os condutores e condutoras, pois algunhas liñas non contan con cafetarías próximas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.