CCOO denuncia a «desidia» da Xerencia sanitaria compostelá para devolver a unidade de paliativos ao Hospital Gil Casares

O sindicato critica que a unidade permaneza de modo provisional no Hospital Provincial de Conxo desde o pasado mes de xuño, nun espazo que «non reúne as condicións axeitadas»
Publicado por o día 23/09/2018 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO denuncia a «desidia» da Xerencia sanitaria compostelá para devolver a unidade de paliativos ao Hospital Gil Casares

A sección sindical de CCOO-Sanidade denuncia a «desidia» da Xerencia da Área Sanitaria compostelá para devolver a unidade de paliativos ao Hospital Gil Casares. Este servizo trasladouse provisionalmente ao Hospital Provincial de Conxo o pasado mes de xuño, debido ao derrubamento accidental de parte do teito. Naquel momento, Comisións denunciou o estado de «abandono» do centro hospitalario e esixiu medidas correctoras.

Segundo CCOO, xa en xullo realizáronse probas de carga para comprobar se a unidade de paliativos do Gil Casares reunía as necesarias condicións de seguridade e «o resultado do informe foi favorable». Por esta razón, o sindicato esixe o regreso da dita unidade á súa localización orixinal e critica que se manteña no Hospital de Conxo, nun espazo que «non reúne as condicións axeitadas».

Intranquilidade do persoal

Desde a sección sindical de CCOO afirman que a unidade non ten en Conxo camas abondas dispoñibles, carece de sala para familiares ou ximnasio para a rehabilitación. Canto ao persoal afectado polo traslado, «a día de hoxe non ten notificación de cal será o seu destino nin que quendas realizará o próximo mes», o que incrementa a súa «intranquilidade e desconfianza» polo futuro inmediato.