CCOO denuncia a falta de transparencia do documento presentado pola Xunta para mellorar a atención primaria

CCOO insta Consellaría a desmentir a proposta do seu grupo de expertos, que avoga por integrar o servizo dos PAC na atención primaria
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

CCOO denuncia a falta de transparencia do documento presentado pola Xunta para mellorar a atención primaria

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denuncia a «falta de transparencia» e o «secretismo» do documento presentado pola Consellaría co suposto obxectivo de mellorar a atención primaria. Para CCOO, «non é de recibo» que os sindicatos, colexios profesionais e sociedades científicas estivesen a traballar de xeito altruísta desde o verán en quince comisións técnicas para chegar a unha diagnose da situación, ao tempo que un grupo de «expertos» traballaba en segredo no texto coñecido onte.

Segundo a secretaria xeral de CCOO-Sanidade, Emilia Lamas, a presentación deste documento «demostra que as comisións técnicas só van servir para entreternos e para que a Xunta xustifique as súas políticas». Precisamente, dado que o sindicato xa tiña esa sospeita, declinara formar parte destas comisións.

Este documento pode implicar un cambio no modelo de atención primaria e «non pode ser xestado deste xeito, sen transparencia», rexeita a voceira de Comisións Obreiras. Emilia Lamas cuestiona xa unha afirmación da primeira páxina do texto, na que se di que «olla de fronte os problemas que ten a atención primaria», unha declaración que «bate co secretismo da Xunta».

Entre os obxectivos do documento está a mellora da satisfacción profesional de quen integra a sanidade pública, algo que CCOO ve «imposible» con falta de transparencia e de información. Como exemplo, sinala o incremento da carteira de servizos de enfermaría, cando este persoal non ten un complemento por cada tarxeta individual sanitaria (TIS) atendida.

Por outra parte, desde CCOO preguntan polo custo do traballo, xa que a consultoría está encabezada por Rafael Bengoa, ex-conselleiro de Sanidade do País Vasco e antigo asesor de Barack Obama. O sindicato entende que o diñeiro se podía ter utilizado para mellorar o sistema público de saúde.

Asfixia da atención primaria

Desde CCOO amosan a súa «sorpresa» porque o grupo de expertos da Xunta avogue por suprimir os puntos de atención continuada (PAC), que atenden as urxencias extrahospitalarias, e integralos na atención primaria. Comisións insta a Consellaría a desmentir esta proposta, xa que iría en contra do sistema público e contra as persoas usuarias, pois sobrecargaría as urxencias hospitalarios.

Á Federación de Sanidade de CCOO preocúpalle a «asfixia» da atención primaria e pide medidas «reais» que melloren a satisfacción dos profesionais, como un aumento das contratacións. Todo isto débese facer cunha xestión propia por parte da atención primaria e co incremento do orzamento para a mesma, pasando do actual 12,1 % ao 25 % en tres anos.

CCOO tamén esixe a inmediata cobertura de todas as prazas vacantes; que todos os profesionais cobren por TIS atendida, sexa cal for a súa categoría, e con ratios profesionais axeitadas —máximo de 1200 TIS para medicina familiar e enfermaría, 800 en pediatría—; amais de introducir na atención primaria novas categorías que son moi necesarias, como as de logopeda ou traballador/a social.

CCOO insta a Consellaría a «deixar de perder o tempo» e convocar «decontado» o Consello Técnico de Atención Primaria, onde deberá informar das conclusións das comisións de traballo e pechar as medidas a pór en marcha para paliar os déficits da atención primaria. A seguir, na mesa sectorial de Sanidade deberase fixar un plan de ordenación de recursos humanos que traballe nas ratios e na cobertura de prazas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.