CCOO denuncia a «falta de vontade política» para aplicar a Lei de inclusión social de Galicia

Publicado por o día 20/12/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO denuncia a «falta de vontade política» para aplicar a Lei de inclusión social de Galicia

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras denuncia a «clara falta de vontade política» da Xunta de Galicia para a posta en vigor «efectiva» da Lei de inclusión social. A secretaria de Emprego e Previsión Social, Maica Bouza, afirma que «a situación é moito peor que coa lexislación anterior» e lamenta que se chegara a iso pola actitude do Goberno galego. Actualmente, o número de persoas beneficiarias da RISGA non equivale sequera ao 30 % dos fogares sen ingreso ningún.

O próximo 31 de decembro cumpriranse catro anos da publicación da Lei de inclusión social de Galicia. A norma naceu dun acordo do diálogo social e tiña como principal obxectivo non ser unha prestación económica, senón favorecer a inserción social e laboral das persoas en risco de exclusión. Pretendíase deste xeito superar as eivas da anterior renda de inserción social (RISGA).

Un exemplo desta falta de vontade política é que está pendente de desenvolver o regulamento da xestión da RISGA, que debería estar aprobado desde xuño do 2014. Tamén falta concretar aspectos relativos á vinculación desta renda coa inserción laboral, malia que xa hai tempo que se publicou a carta de servizos do Servizo Público de Emprego de Galicia «e parecía que podía dar un pulo a esta cuestión», lamenta Bouza.

Outros síntomas da falta de vontade son a «opacidade absoluta» na información, con datos que se publican unicamente unha vez ao ano e, polo xeral, «tarde, mal e a rastro». A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO achaca parte destas carencias á «parálise total» que sofre a Xunta en materia de emprego desde que desapareceu a Consellaría de Traballo, cuxas competencias forman parte da «macroconsellaría» de Economía, Emprego e Industria.

Requisitos «restritivos» e un balance «lamentable»

A sindicalista critica os «requisitos restritivos» —e criterios de interpretación máis rigorosos aínda— para acceder á prestación, o que fai «case imposible» que aumente o número de persoas beneficiarias. Por exemplo, só se concede unha prestación por fogar, non é compatible con ingresos laborais, dificultades moitas veces insuperables para as persoas inmigrantes, trámites complexos ou déficits de coordinación entre as Administracións implicadas.

A consecuencia de todos estes desaxustes é un «lamentable» balance de catro anos da Lei de inclusión social de Galicia: o número de persoas beneficiarias non se aproxima nin ao 30 % dos fogares en que non entra ingreso ningún. Segundo Bouza, «con este panorama de nada serve que cada ano se incrementen os orzamentos». Cómpre lembrar que a percepción da RISGA se concibiu como un dereito subxectivo, de aí o financiamento con créditos ampliables para, en teoría, atender todas as solicitudes.

Por esta razón, o sindicato pide a convocatoria «urxente» do Consello Galego de Benestar Social, órgano de control e seguimento da lei, para avaliar as deficiencias sinaladas e promover o desenvolvemento e aplicación efectiva da norma, co obxectivo de responder á «grave» situación que están a vivir milleiros de galegos e galegas.