CCOO denuncia a resolución «ilegal» da Xerencia sanitaria que afecta aos médicos de familia dos PAC de Vigo

O sindicato pide que a voluntariedade sexa substituída por contratacións estables que atraian os profesionais que pasaron ao sector privado ou emigraron
Publicado por o día 05/11/2018 na sección de CC.OO,Galicia,Sanidad,Sindicatos,Vigo

CCOO denuncia a resolución «ilegal» da Xerencia sanitaria que afecta aos médicos de familia dos PAC de Vigo

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia decidiu hoxe recorrer a resolución do 26 de outubro da Xerencia da área sanitaria de Vigo, que unilateralmente incrementou a xornada complementaria voluntaria dos médicos de familia dos puntos de atención continuada (PAC). Para o sindicato, trátase dunha medida «ilegal», xa que pretende anular os efectos da folga dos PAC e atentaría contra un dereito fundamental recollido no artigo 28 da Constitución.
 
Alén diso, o sindicato afirma que a Xerencia sanitaria de Vigo non ten competencias para tomar esa decisión, «menos aínda sen negociala», xa que corresponde á Dirección de Recursos Humanos do SERGAS. O secretario xeral de CCOO-Sanidade de Galicia, Ángel Cameselle, critica que «non é a primeira vez» que o xerente vigués toma decisións «que non lle competen».
 
CCOO xa denunciou en reiteradas ocasións a realización «masiva» de horas extras en atención primaria e, sobre todo, nos PAC, mediante a chamada voluntariedade. Ante o déficit de persoal, o sindicato pide substituír a dita voluntariedade por contratacións estables «para que os profesionais non pasen ao sector privado ou emigren».
 
Folga dos PAC: falta de diálogo do SERGAS
 
Por último, o secretario xeral de CCOO-Sanidade denuncia a falta de diálogo do SERGAS no conflito dos PAC, que protagonizaron xa varias xornadas de folga. Cameselle insta a Administración a atender as reivindicacións.
 
«Os profesionais das urxencias non poden continuar discriminados ata o punto de que deben recuperar parte das horas que perderon por estaren de baixa médica», reprocha o Cameselle. Así mesmo, o sindicalista esixe que os salarios destes profesionais melloren —levan conxelados desde o 2010—, que poidan gozar dos seus permisos retribuídos e tamén dunha xornada laboral estable e sen aumentos «arbitrarios».