CCOO denuncia a «mala fe empresarial» de Transportes Martínez Souto e insta o grupo PSA a asumir tamén responsabilidades

O sindicato está a realizar asembleas co persoal da empresa, que parou a actividade e estaría preparando o proceso concursal

O sector de estradas de CCOO de Galicia denuncia a «mala fe empresarial» de Transportes Martínez Souto, empresa que asumía a loxística do grupo PSA Vigo. O sindicato repróchalle á Dirección da compañía o «ocultismo» sobre a situación económica e que «non dea a cara» diante do persoal. Proba desa «mala fe» é que nos últimos días Martínez Souto parou a actividade en todos os seus centros de traballo, decisión «que implica moita planificación, cando menos un ano para facela efectiva».

Desde CCOO instan tamén o grupo PSA a asumir responsabilidades polo cesamento das actividades de Martínez Souto. O sindicato critica os «criterios estritamente economicistas» das empresas contratistas, que acaban «provocando estes desastres sociais». Así mesmo, Comisións defende que a multinacional francesa, como parte contratante, debe ter algún tipo de responsabilidade en relación co persoal do servizo externalizado, neste caso o loxístico.

CCOO organiza asembleas

Segundo CCOO, a parada da actividade é o paso previo a que Transportes Martínez Souto solicite o proceso concursal. Ante esta situación, o sindicato está a organizar asembleas con todo o persoal da empresa en Galicia. A primeira delas tivo lugar o pasado 17 de febreiro en Vigo, e nas próximas datas farase o mesmo en Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo.

Denuncia perante a Inspección de Traballo

CCOO denunciou perante a Inspección de Traballo un posible alzamento de bens, en relación do traspaso dalgúns activos de Souto á empresa Logixtalia, polo que pide a intervención da autoridade laboral.

Concentracións

Finalmente, CCOO convoca concentración na zona franca de Vigo, nos arredores da factoría PSA (rúa do Alcalde Portanet) para o vindeiro 28 de febreiro e os días 5 e 8 de marzo. As concentracións terán lugar en horario de 11:30 a 13:00 e 18:00 a 20:00 horas

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM