CCOO denuncia que Medio Rural pecha as bases de helicópteros propias e mantén abertas as concesións ás empresas privadas

Esta decisión adoptouse por indicación da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, que preferiu mandar o persoal fixo-descontinuo do SPDCIF a engrosar as listas do paro
Por o 03/11/2016 | Sección: CC.OO,Galicia,Medio Ambiente,Sindicatos,UGT,Vigo
CCOO denuncia que Medio Rural pecha as bases de helicópteros propias e mantén abertas as concesións ás empresas privadas
Compartir en:

A Consellería de Medio Rural acaba de pechar as bases de helicópteros propias: a de Vilarmaior no distrito forestal XIV de Verín Viana, a de Marroxo na provincia de Lugo e a do Campiño en Pontevedra. Pola contra, mantén abertas e operativas as bases de xestión privada de Toén e o Barco en Ourense, Portomarín en Lugo e a de Queimadelos en Pontevedra, todas elas pertencentes á empresa privada Natutecnia.

Esta decisión adoptouse por indicación da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, que preferiu mandar o persoal fixo-descontinuo do SPDCIF a engrosar as listas do paro, mentres segue mantendo negocios privados especulativos á conta da loita contra os incendios forestais.

Para CCOO resulta paradoxal que o actual director xeral, Tomas Fernández-Couto, que no ano 1998 apostaba —cos sindicatos CCOO e UGT— por un servizo público de defensa contra incendios forestais coa creación dun cadro de persoal de máis de 1600 efectivos, pase (case vinte anos despois) ao «lado escuro» da privatización, converténdose no máximo responsable da demolición daquel servizo: primeiro, recuperando as brigadas dos concellos (claro exemplo de clientelismo político), despois, vendendo a cachos «ás empresas privadas amigas» parte das tarefas propias da extinción de incendios forestais e, ao cabo, non cubrindo as prazas, o que pouco a pouco supón a fragmentación, privatización e destrución do servizo público de defensa contra incendios forestais (SPDCIF).

Desde CCOO instamos a conselleira de Medio Rural a que aposte por un servizo público integrado e profesional, a que se cubran todas as prazas vacantes do SPDCIF, a que empregue os medios propios da Consellería e invista en plans de prevención de riscos laborais que melloren a seguridade das traballadoras e traballadores.

Por último, o Sindicato esixe a constitución dunha mesa de diálogo social para abordar as cuestións máis urxentes que permitan ter un operativo máis eficaz, coordinado e eficiente, que contribúa a unha defensa mellor do noso patrimonio forestal e ambiental sobre a base dun servizo público único e profesional.