CCOO denuncia o uso «fraudulento» da concesionaria de mantemento no canto de recorrer ás listaxes públicas

Estanse a «conculcar» os dereitos das persoas «que aboaron unhas taxas para poderen formar parte das listaxes eventuais», critica o sindicato
Publicado por o día 02/03/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO denuncia o uso «fraudulento» da concesionaria de mantemento no canto de recorrer ás listaxes públicas

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denuncia o uso «fraudulento» de servizos da concesionaria de mantemento no canto de recorrer ás listaxes de emprego público. O sindicato considera «especialmente vergoñento» que isto se estea producir ao tempo que a Administración autonómica oferta a posibilidade de formar parte das listaxes de contratación eventual, logo de pagar as preceptivas taxas, coma no resto de categorías profesionais do ámbito sanitario.

Segundo CCOO, no caso dalgunhas categorías de persoal de mantemento, en distritos como o de Santiago de Compostela, malia existir a necesidade de contratar persoal, «hai máis de tres anos que non se formaliza contrato ningún», denuncia a delegada sindical Ana Riveiro. Así mesmo, cando se produce unha xubilación de persoal fixo, amortízase a praza respectiva e súplese coa concesionaria.

Para a voceira de CCOO, este recurso á empresa privada para cubrir ausencias previstas significa «conculcar de xeito fraudulento os dereitos das persoas que aboaron unhas taxas para poderen formar parte das listaxes eventuais». Segundo Riveiro, «unha vez máis, o Sergas utiliza a porta traseira para afondar na privatización dos servizos públicos, ao tempo que lles cobran unhas taxas a uns profesionais cunha expectativas de emprego que posteriormente lles nega».

Por esta razón, CCOO esixe que o Sergas «remate con esta política vergoñenta» e substitúa todas as ausencias de persoal de mantemento mediante as listaxes de contratación públicas e que se oferten interinidades para cubrir as xubilacións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.