CCOO denuncia que Política Social propón «incumprir a normativa» para axilizar as listaxes de espera da dependencia

O sindicato defende que a solución é aumentar o persoal dos equipos de valoración
Publicado por o día 07/05/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos,Vigo

CCOO denuncia que Política Social propón «incumprir a normativa» para axilizar as listaxes de espera da dependencia

A Federación de Servizos á Cidadanía de Comisións Obreiras (FSC-CCOO) denuncia que a Consellaría de Política Social pretende «incumprir a normativa» para axilizar as listaxes de espera do sistema de atención á dependencia (SAAD). Segundo o sindicato, o departamento autonómico vai pór en marcha un convenio co Sergas para que sexa persoal sanitario deste organismo o que se encargue de valorar as persoas dependentes.

A FSC-CCOO rexeita este aspecto do convenio, xa que as valoracións «só pode realizalas o persoal propio dos equipos da Consellaría». Por esta razón, a axilización das listaxes de espera «resolveríase se o persoal de Política Social puidese acceder aos expedientes médicos expedidos polos facultativos do Sergas que sexan precisos para elaborar os ditames».

Para CCOO, os profesionais do Sergas non poden realizar as funcións dos profesionais dos equipos de valoración e orientación, porque se incumpriría o disposto no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de minusvalía, modificado polo Real decreto 1364/2012, do 27 de setembro. Este marco legal determina que na composición dos órganos técnicos debe haber polo menos un médico ou médica, un psicólogo ou psicóloga e un traballador ou traballadora social, utilizando criterios interdisciplinarios.

CCOO sinala que o atraso na tramitación dos expedientes prexudica directamente as persoas dependentes: a falta de ditame demora o acceso aos recursos e prestacións de quen teña unha dependencia de grao igual ou superior ao 33 %.

Como exemplo da «excesiva demora», o sindicato pon o caso da provincia da Coruña, onde a listaxe de espera é de seis a dezaoito meses; ao tempo que hai un «gran número» de expedientes fóra de prazo ao termo do mes de marzo: 170 na Coruña, 97 en Santiago de Compostela e 66 en Ferrol.

CCOO esíxelle á Consellaría que «desista» das súas pretensións. Reitera que as funcións de valoración debe realizalas «única e exclusivamente» o persoal propio deste departamento, polo que insta á cobertura de todas as vacantes e baixas, amais de contratar o persoal necesario para o mellor funcionamento do servizo.