CCOO e UGT concéntranse en defensa de pensións dignas

Na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo
Publicado por o día 15/02/2018 na sección de CC.OO,Sindicatos,UGT

CCOO e UGT concéntranse en defensa de pensións dignas

A Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia e a UGT concentráronse este xoves en defensa de pensións dignas. Carlos Mella, de CCOO agradeceu ao colectivo de persoas pensionistas e xubiladas e mais á sociedade en xeral a participación nas mobilizacións. O sindicalista asegura que o sistema público de pensións é «perfectamente sostible», aínda que haxa que reforzar a súa estrutura de ingresos.

Para CCOO, a fonte de financiamento que mellor pode garantir un bo sistema de pensións «é a creación de máis emprego e que este sexa de calidade». Para iso, cómpre mellorar a produtividade dos factores de produción, transitando cara a un modelo de crecemento baseado na innovación, pero sen deixar de impulsar, desde os orzamentos públicos, actividades intensivas en man de obra e que xeren oportunidades de emprego para todas as persoas que non o teñen, ao tempo que se atenden necesidades da sociedade.

O Goberno renunciou a adoptar medidas que aumenten os ingresos do sistema público das pensións. Ademais, sobreutiliza o Fondo de Reserva mediante a suspensión dos límites máximos de disposición que prevía a lei, dando lugar ao seu consumo anticipado.

Do mesmo modo, a reforma de pensións imposta unilateralmente en 2013 busca reducir a medio e longo prazo o gasto en pensións pola vía da diminución do poder adquisitivo destas. «Isto condúcenos ao colectivo de pensionistas e xubilados a unha perda moi significativa da nosa pensión», alerta Carlos Mella, secretario xeral da FPX-CCOO.

Concentracións que tiveron lugar hoxe

— Ferrol: ás 11:30 h, diante do edificio da Xunta
— A Coruña: ás 12 h, diante da Delegación do Goberno
— Santiago: ás 12 h, diante do INSS (Galeras)
— Lugo: ás 11:30 h, diante da Subdelegación do Goberno
— Ourense: ás 11:30 h, diante da Subdelegación do Goberno
— Pontevedra: ás 11:30 h, diante da Subdelegación do Goberno
— Vilagarcía de Arousa: ás 11:30 h, diante da oficina de emprego (avda. de Castelao, 25)
— Vigo: ás 11 h, diante do edificio da Xunta