CCOO e UGT convocan concentracións para que se garantan os dereitos das persoas maiores

Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, ambos os dous sindicatos esixen a revalorización das prestacións para combater o empobrecemento dos pensionistas
Publicado por o día 30/09/2018 na sección de CC.OO,Sindicatos,UGT

CCOO e UGT convocan concentracións para que se garantan os dereitos das persoas maiores

Co gallo do Día Internacional das Persoas Maiores, CCOO e UGT convocan a próxima semana concentracións en todo o Estado. En Galicia terán lugar o martes, 2 de outubro. Con esta acción, ambos os sindicatos denuncian que as medidas adoptadas para combater a crise só axudaron a empobrecer amplos sectores da poboación, especialmente as persoas de máis idade.

Desde UGT e CCOO lembran que o colectivo de persoas maiores é «moi vulnerable» a políticas de recortes, e máis cando progresivamente se converten no principal sostén das seguintes xeracións. Hoxe en día, as pensións supoñen a principal fonte de ingresos da cuarta parte dos fogares.
Malia que a revalorización das pensións vén recollida no artigo 50 da Constitución como un principio reitor da política económica, o certo é que a única fórmula de revalorización automática que garantía por lei o mantemento do poder adquisitivo das pensións foi a nacida do Acordo de Pensións de 1996, ligada daquela á inflación, e que estivo vixente ata a reforma unilateral imposta polo Goberno do PP en 2013. CCOO e UGT defenden o marco de negociación establecido no Pacto de Toledo e esixen que as pensións se revaloricen co IPC.

Defensa da Lei de Dependencia
Para o colectivo de pensionistas e xubilados de CCOO e de UGT, a defensa do sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD) é outra das prioridades. Transcorridos dez anos desde a posta en marcha da lei de dependencia, aínda non culminou a súa completa implantación. Unha causa fundamental deste atraso radica no aínda insuficiente nivel de financiamento público que arrastra para terminar coa listaxe de espera.
A situación da sanidade é outra preocupación para as persoas pensionistas. UGT e CCOO reclaman a fin dos recortes aplicados en materia sanitaria e a fin do copagamento, xa que provocan a exclusión de colectivos do sistema e minoran aínda máis o poder adquisitivo das persoas maiores. Ambos os dous sindicatos afirman que cunha axeitada política fiscal habería «recursos abondos para o bo funcionamento dos servizos públicos», incluíndo o sanitario.
Por último, CCOO e UGT esixen medidas eficaces contra a pobreza enerxética, «co establecemento dun auténtico bono social» e un tipo súper reducido do IVE para todos os bens e servizos vinculados á alimentación e á enerxía.

Concentracións conxuntas de UGT e CCOO o día 2 de outubro

— A Coruña: ás 12 horas no Obelisco
— Ferrol: ás 12 horas fronte ao edificio da Xunta (praza de España)
— Santiago de Compostela: ás 12 horas na praza do Toural
— Lugo: ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno
— Viveiro: ás 12 horas na praza Maior
— Ourense: ás 11:30 horas diante do edificio do INSS
— Pontevedra: ás 12 horas diante da Subdelegación do Goberno
— Vigo: ás 12 horas na Porta do Sol
— Vilagarcía de Arousa (só CCOO): ás 11:30 horas diante do Concello