CCOO e UGT esíxenlles «feitos, xa» ao Goberno estatal e ás patronais

É necesario subscribir un acordo co Executivo que obrigue a cambios substanciais para recuperar e mellorar dereitos sociais e laborais
Por o 06/02/2019 | Sección: CC.OO,Sindicatos,UGT
CCOO e UGT esíxenlles «feitos, xa» ao Goberno estatal e ás patronais
Compartir en:

CCOO e UGT preparan para o 8 de febreiro, en Madrid, unha asemblea conxunta que reunirá dez mil sindicalistas de todo o Estado e de todos os sectores de actividade para lles esixir «feitos, xa» ao Goberno e ás patronais, que cumpran o pactado. Co lema «máis feitos, menos palabras», ambas as dúas organizacións esixen que se traslade aos convenios colectivos a suba salarial ao redor do 3 % e o salario mínimo de convenio de 14 000 euros anuais. Tamén reivindican a derrogación da reforma das pensións e unha «modificación substancial» da reforma laboral.

Os dous sindicatos lembran que a economía medra desde o 2014, pero a riqueza que se xera non chega aos traballadores e traballadoras nin á gran maioría social, malia seren as principais vítimas da crise. CCOO e UGT centran as reivindicacións en esixir esa repartición da riqueza e que se recuperen os dereitos sociais e laborais subtraídos co pretexto da crise.

O Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) 2018-2020 é un «punto de inflexión» para a recuperación progresiva do poder adquisitivo perdido. Logrouse, ademais, o obxectivo sindical de establecer salario mínimo de convenio de mil euros mensuais en catorce pagas. Porén, cómpre rematar coas resistencias das patronais a aplicar a nova política salarial.

Tras a conformación dun novo Goberno no Estado, retomouse o diálogo social, esencial para reverter normativas daniñas como a reforma laboral ou a reforma das pensións. Agora cómpre materializar, de maneira urxente, o avanzado nas mesas de negociación. O Goberno debe primar as necesidades sociais e non refuxiarse na delicada maioría parlamentaria e na falta de consenso coa patronal. Esta non ten ningunha autoridade moral para vetar o diálogo social cando no pasado se desentendeu dos acordos alcanzados neste marco porque lles era máis favorable a acción de Goberno, como sucedeu coa reforma laboral de 2012.

É necesario subscribir un acordo co Executivo que obrigue a cambios substanciais para recuperar e mellorar dereitos sociais e laborais, independentemente da vía lexislativa que se elixa para a súa materialización. Tamén é preciso que os grupos políticos, especialmente os que avalaron o cambio de Goberno, o apoien para acabar coas políticas que xeraron desigualdade e pobreza e un modelo económico inxusto e desequilibrado.

En defensa destas reivindicacións, CCOO e UGT inician un proceso de mobilización en tres frontes:
— Na negociación colectiva coa patronal, especialmente naqueles sectores en que aínda non é unha realidade o salario mínimo de convenio asinado no IV AENC e nos que se rexistra maior brecha de xénero.
— No diálogo social co Goberno, para recuperar dereitos, derrogar os aspectos máis lesivos da reforma laboral e a reforma de pensións de 2013.
— En materia de igualdade, para eliminar as brechas laborais de xénero, en especial a salarial e a precariedade no emprego, que repercuten ao longo da carreira laboral das mulleres ata alcanzar unha importante brecha en pensións.

A mobilización comezará coa celebración de asembleas nos centros de traballo e terá dous puntos de inflexión:
— 8 de febreiro. Grande acto sindical unitario no que se reunirán en Madrid 10 000 sindicalistas das súas organizacións.
— 8 de marzo. Unha xornada de loita e de folga na que CCOO e UGT confluirán co movemento feminista na esixencia de maior determinación, valentía e recursos para facer fronte ás brechas de xénero e á violencia contra as mulleres. Convocaranse dúas horas de paro xeral por quenda, prevendo a posibilidade de que algúns sectores, polas súas particularidades e reivindicacións, poidan facela de 24 horas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.