CCOO e UGT manifestaranse o 14 de decembro en Madrid pola recuperación dos dereitos no sector público

Unha delegación de Galicia participará nesta mobilización
Publicado por o día 12/12/2017 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos,UGT

CCOO e UGT manifestaranse o 14 de decembro en Madrid pola recuperación dos dereitos no sector público

CCOO e UGT manifestaranse o vindeiro xoves, 14 de decembro, en Madrid, para esixir a recuperación dos dereitos económicos e laborais das empregadas e empregados públicos. Será o punto culminante dunha campaña reivindicativa que comezou hai un mes, impulsada polas federacións da área pública das dúas organizacións.

 CCOO e UGT de Galicia lembran que os Gobernos galego e estatal levan máis dun ano afirmando que a economía se recupera. Por esta razón, coidan que é o momento de lles devolver ás empregadas e empregados públicos os dereitos arrebatados coa escusa da crise: desde o 2010, máis de 16.000 empregos destruídos no sector público e unha perda media de poder adquisitivo do 13 %.

Esixen a volta á negociación colectiva nas Administracións públicas para abordar cuestións como xornadas, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade, formación ou acción social. Todo isto debería ter efectos nos orzamentos para o 2018.

CCOO e UGT piden que o Acordo para a mellora do emprego público, asinado en marzo deste ano, e o Acordo de Estabilidade, asinado en outubro coa Xunta, se amplíen para permitir a recuperación do emprego perdido desde o 2011, non só para reducir a precariedade e a temporalidade nas Administracións públicas.

Por último, UGT e CCOO lembran que a defensa dos dereitos das empregadas e empregados públicos é unha prioridade na acción sindical de ambas as organizacións, tanto polo que significa en termos de condicións laborais como pola necesidade de reforzar os servizos públicos e así mellorar a calidade de vida da cidadanía.