CCOO e UGT reprochan que Cultura e Turismo actúa con «irresponsabilidade» na reincorporación do persoal de bibliotecas, arquivos e museos

Ambos os dous sindicatos presentarán unha denuncia na Inspección de Traballo polos reiterados incumprimentos desta Consellaría
Publicado por o día 18/05/2020 na sección de CC.OO,Cultura,Sindicatos,UGT

CCOO e UGT reprochan que Cultura e Turismo actúa con «irresponsabilidade» na reincorporación do persoal de bibliotecas, arquivos e museos

CCOO e UGT presentarán unha denuncia ante a Inspección de Traballo polos reiterados incumprimentos da Consellaría en materia de prevención de riscos, co obxecto de garantir a saúde e seguridade dos traballadores e traballadoras dos arquivos, bibliotecas e museos

Tal como establece o protocolo xeral de reincorporación do persoal da Xunta de Galicia, as distintas Consellarías están a enviar ás organizacións sindicais protocolos específicos para regular a progresiva reincorporación do seu persoal ao traballo presencial despois de varias semanas en réxime de teletraballo. Estes protocolos deben negociarse coas organizacións sindicais e cos órganos de representación especializados en materia de saúde laboral (comités de seguridade e saúde laboral) para acreditar o cumprimento das medidas preventivas preliminares antes da paulatina reincorporación dos traballadores e traballadoras.

UGT e CCOO denuncian que a Consellaría de Cultura e Turismo «vai por libre» e semella ser o «verso solto» no conxunto da Xunta de Galicia, pois non só non negocia coas organizacións sindicais, senón que incumpre o propio protocolo establecido con carácter xeral para regular a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e para establecer as medidas de prevención fronte á COVID-19.

Os sindicatos xa se puxeron en contacto coas instancias administrativas correspondentes para denunciar estes incumprimentos, que son os que a continuación se relacionan:

— Non houbo unha negociación real coa representación dos traballadores e traballadoras na elaboración do protocolo; non se deu resposta ás alegacións formuladas polos sindicatos nin se tivo xuntanza previa ningunha para procurar o consenso necesario.
— Non se convocou o Comité de Saúde e Seguridade Laboral para concretar e verificar se se executaron todas as medidas preventivas que había que tomar antes da reincorporación ou se estas se aplicaron correctamente; tampouco temos constancia de que se realizasen as correspondentes adaptacións de postos e o resto de medidas organizativas que hai que levar a cabo para manter a distancia de seguridade dentro dos centros de traballo.
— Non se está respectando o principio fundamental que debe rexer a reincorporación, como é o de progresividade, pois CCOO e UGT temos constancia, por información transmitida polos traballadores (e non pola Consellaría) de que hoxe luns, 18 de maio, está obrigado a incorporarse todo o persoal de atención ao público. É inadmisible que non se respecten as fases da desescalada na incorporación do persoal, máxime se temos en conta que na primeira fase non haberá atención ao público nas bibliotecas e que no conxunto dos centros dependentes da Consellaría a capacidade estará limitada a un terzo nas súas instalacións.
— UGT e CCOO tampouco temos confirmación de que os arquivos, bibliotecas e museos dispoñan da subministración suficiente de xel hidroalcólico, luvas, máscaras, pantallas, anteparos e demais material de protección necesario para garantir a seguridade e hixiene do persoal e dos usuarios e garantir as normas de distanciamento social no interior das instalacións.
— O informe da Secretaría Xeral Técnica sobre as medidas adoptadas en aplicación do protocolo, polo que se establecen a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte á COVID-19, sobre a finalización das actuacións preliminares, non prevé a aplicación das ditas medidas en arquivos, bibliotecas e museos.

Por todo o anterior CCOO e UGT, visto que a Consellaría non tivo en conta as nosas alegacións e advertencias sobre o risco que supón reabrir os arquivos, bibliotecas e museos nestas condicións, e coa finalidade de salvagardar a seguridade e a saúde dos usuarios e dos traballadores, presentará denuncia ante a Inspección de Traballo para que investigue os feitos denunciados e proceda, se for o caso, a paralizar a actividade, levantando a correspondente acta de infracción. Así mesmo, e en función da resolución da Inspección de Traballo, non descartamos acudir ao xulgado e denunciar os responsables da Consellaría por presunto delito contra a seguridade dos traballadores/as, tal como esta tipificado na Lei de prevención de riscos laborais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.