CCOO e UGT rexeitan diante dos Xulgados que se poida despedir un traballador ou traballadora por enfermar

O pasado 16 de outubro, o Tribunal Constitucional ditou unha sentenza que permite o despedimento obxectivo por ausencias intermitentes, aínda que sexan xustificadas.
Publicado por o día 27/11/2019 na sección de CC.OO,Galicia,Protestas,Sindicatos,UGT,Vigo

CCOO e UGT rexeitan diante dos Xulgados que se poida despedir un traballador ou traballadora por enfermar

CCOO e UGT convocaron este mércores concentracións diante das sedes xudiciais da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo para rexeitar que se poida despedir a alguén por enfermar. As protestas convocáronse como reacción á sentenza emitida o pasado 16 de outubro polo Tribunal Constitucional, que permite o despedimento obxectivo por ausencias intermitentes ao traballo, aínda que sexan xustificadas.

Segundo os sindicatos, o Estatuto dos Traballadores ten desde hai case corenta anos un artigo (52.d) que permite isto. Porén, foi coa redacción dada pola reforma laboral de 2012 cando se endureceu substancialmente a súa aplicación, xa que suprimiu a referencia ao volume de ausencias totais no centro de traballo. Con isto, individualízase totalmente o cómputo e culpabilízase a persoa traballadora polo feito de exercer o dereito a unha recuperación efectiva no caso de enfermidades de orixe común, entre outros dereitos.

Para CCOO e UGT, está demostrado que esta redacción só trouxo consigo inestabilidade para o mercado de traballo, máis precariedade e o fomento dos despedimentos. A sentenza do Tribunal Constitucional é un exemplo máis, pois consagra a preeminencia da produtividade e dos beneficios empresariais fronte aos dereitos dos traballadores e das traballadoras, como pode ser, o dereito ao traballo e a recuperar a saúde tras unha enfermidade. Por esta razón, ambas as dúas organizacións insisten na necesidade de derrogar a reforma laboral.

CCOO e UGT aplauden a participación dos traballadores e traballadoras nestas mobilizacións, tanto en Galicia coma no resto de España, xa que é importante que os maxistrados do Tribunal Constitucional coñezan ata que punto a súa sentenza é rexeitada pola cidadanía.

Desde os dous sindicatos insisten en que non desistirán ata devolverlle á lexislación do traballo o equilibrio que lle quitou a reforma laboral, e coidan «urxente e de xustiza» suprimir un precepto legal que ampara a discriminación contra as persoas cunha doenza, que culpabiliza á persoa traballadora e que impide exercer os dereitos dos traballadores e traballadoras, como o dereito á recuperación efectiva.

Comentar noticia

Your email address will not be published.