CCOO-Ensino afirma que a OPE anunciada polo conselleiro é «insuficiente e consolida os recortes» dos Gobernos do PP

A oferta de emprego público non suporá a recuperación dos postos de traballo perdidos nos últimos anos e manterá as altas taxas de temporalidade
Por o 30/01/2017 | Sección: CC.OO,Sindicatos,Vigo
CCOO-Ensino afirma que a OPE anunciada polo conselleiro é «insuficiente e consolida os recortes» dos Gobernos do PP
Compartir en:

A Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Ensino) afirma que a oferta pública de emprego (OPE) anunciada polo conselleiro de Educación é «insuficiente e consolida os recortes» dos Gobernos do PP. Noutras palabras, «confirma a aposta» da Xunta de Galicia por manter altas taxas de temporalidade no emprego público docente, censura o sindicato.

A organización sindical salienta que as mil prazas ofertadas, que corresponden ao 100 % da taxa de reposición, só cubrirán as xubilacións producidas ata o 31 de decembro do 2016 e mais as xubilacións forzosas por chegar aos 70 anos.

Porén, as prazas docentes estruturais que non se repuxeron entre o 2010 e o 2015 —cando estaban vixentes «exiguas» taxas de reposición— seguirán cubertas mediante emprego que CCOO cualifica de «precario». Segundo datos do sindicato, a taxa de interinidade incrementouse co PP do 4,8 a máis do 13 %.

Na recente conferencia de presidentes autonómicos abriuse a porta a establecer taxas de reposición superiores ao 100 % nos sectores esenciais (sanidade, educación e servizos sociais) se así o aconsellar o estudo que poidan facer as comunidades autónomas.

Antes de rematar o 2016, CCOO-Ensino pediu —de consún coas outras organizacións asinantes deste pacto— que se convocase a comisión de seguimento do acordo de interinos e mais intentar reducir as taxas de temporalidade aos límites en que se atopaban cando comezou a gobernar o PP en Galicia, é dicir, por debaixo do 5 %.

A seguir, cumpriría convocar con urxencia a mesa sectorial docente non universitaria. Precisamente, antes da referida conferencia de presidentes, CCOO formalizara xa esta petición no rexistro da Xunta. O obxectivo desta mesa sería identificar as prazas estruturais do sistema e acordar incorporalas a unha OPE.

Porén, o anuncio desta fin de semana demostra a «nula intención» da Consellería de dar solución á temporalidade e o seu interese en perpetuar unha situación que o propio conselleiro pretende «disfrazar de recuperación de emprego docente».

Por outra banda, CCOO segue a denunciar a vulneración da negociación colectiva, xa que se despreza o diálogo nas materias que afectan aos traballadores e traballadoras. «Lamentamos que, unha vez máis, os axentes sociais teñan novas destas cuestións por outras canles que non son as mesas de negociación», censura o sindicato.