CCOO-Ensino coida unha «falta de respecto» a negativa da Consellaría de negociar a redución do horario lectivo

Os sindicatos da mesa sectorial (CCOO, UGT, CIG e ANPE) anunciarán esta mesma semana unha resposta unitaria ante a actitude da Xunta de Galicia
Publicado por o día 07/11/2019 na sección de CC.OO,Educación,Sindicatos

CCOO-Ensino coida unha «falta de respecto» a negativa da Consellaría de negociar a redución do horario lectivo

Na tarde do mércores reuníronse os sindicatos da mesa sectorial de educación coa conselleira do ramo, Carmen Pomar, para trataren a petición sindical de recuperar o horario lectivo previo ao aumento decretado en 2012. Na xuntanza, o departamento educativo rexeitou de forma taxativa calquera posibilidade de negociar esta cuestión.

Acompañada do director xeral de Centros e Recursos Humanos e do subdirector xeral de Recursos Humanos, Pomar argumentou que, no caso do ensino secundario, había razóns económicas para o rexeitamento. Segundo a conselleira, non prevén acometer a redución horaria mentres o Estado non financie a medida.

No caso do corpo de mestres, recoñeceu que non é unha cuestión económica, xa que o aumento do horario se fixo antes das restricións que impuxo a normativa estatal no contexto de crise. «Escúdanse en motivos pedagóxicos extraídos dun estudo pantasma que ninguén coñece e que nunca foi presentado», critican desde a Federación do Ensino de CCOO.

Para Comisións Obreiras, as demandas da repersentación legal do profesorado son «xustas», e aclaran que a redución do horario lectivo non significa unha redución do horario laboral, que continuaría a ser o mesmo. «Reducir o horario lectivo permitiría usar máis horas para cuestións organizativas e unha mellor atención personalizada ao alumnado», puntualiza o sindicato.

A secretaria xeral de CCOO-Ensino, Luz López, coida unha «falta de respecto» que a Xunta se manteña nestas posicións, xa que a Administración galega foi das primeiras en acometer recortes en todo o Estado, mentres que na recuperación de dereitos «vai a remolque». A dirixente sindical insta a Consellaría de Educación a «tomar nota» doutros Gobernos autonómicos que xa iniciaron ou mesmo remataron o proceso de recuperación do horario lectivo previo ás modificacións do 2012.

Os sindicatos da mesa sectorial (CCOO, UGT, CIG e ANPE) anunciarán esta mesma semana unha resposta unitaria ante a actitude da Xunta de Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.