CCOO-Ensino concéntrase diante da Xunta no inicio de curso para esixir «diálogo» á conselleira de Educación

O sindicato leva desde o pasado 28 de marzo solicitando unha entrevista coa titular deste departamento, Carmen Pomar
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de CC.OO,Educación,Sindicatos

CCOO-Ensino concéntrase diante da Xunta no inicio de curso para esixir «diálogo» á conselleira de Educación

Cadrando co comezo do curso escolar, a Federación do Ensino de CCOO de Galicia protagonizou esta mañá unha concentración diante da sede da Consellaría de Educación para esixir «diálogo» á titular deste departamento, Carmen Pomar. O sindicato lamenta que leva desde o pasado 28 de marzo solicitando unha entrevista coa conselleira, petición que polo de agora non tivo resposta.

Segundo explica o sindicato nun escrito presentado no rexistro da Xunta de Galicia, parecería «natural» que a conselleira recibise a organización sindical con maior representatividade no sector educativo en Galicia, «independentemente dos contactos que vimos mantendo coa Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos».

A secretaria xeral de CCOO-Ensino, Luz López, esíxelle «diálogo» á conselleira e lamenta que o silencio obrigue o sindicato a adoptar esta medida de presión para denunciar a «nula relación institucional». Así mesmo, reitera a necesidade de concretar unha entrevista «o máis axiña posible» para tratar diferentes temas que afectan aos distintos sectores educativos.