CCOO-Ensino denuncia irregularidades e mala xestión no inicio de curso

O curso comeza con problemas en moitos centros que CCOO-Ensino achaca directamente á mala xestión da Xefatura Territorial, comprometida cos recortes e non co ensino
Publicado por o día 11/09/2018 na sección de CC.OO,Educación,Galicia,Sindicatos,Vigo

CCOO-Ensino denuncia irregularidades e mala xestión no inicio de curso

A Federación de Ensino de CCOO está a recibir comunicacións de moitos centros de ensino públicos de Vigo e localidades próximas preocupados pola perda de postos docentes. Os responsables do sindicato censuran este deterioro do ensino público e culpan da mala xestión á Xefatura Territorial da Consellería, que aplica unha política de recortes dura sen atender ás necesidades de persoal dos centros.

 Un caso salientable é o da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). Malia ser o único centro que oferta esas titulacións na comunidade e todo un referente no panorama cultural estatal viu reducido o seu claustro nun 20% nos últimos anos e sofre ademais atitudes hostís por parte do Inspector asignado ao centro, como denunciou o persoal docente e o alumnado nunha nota de prensa.

CCOO-Ensino tamén ten constancia de casos nos que non continúan os desdobres educativos que se viñan facendo en anos anteriores por necesidades educativas especiais, seguindo instrucións da Xefatura Territorial, o que implica crear un grupo grande con situacións que requiren dunha atención especial e que non poderán ser debidamente atendidas, unha aberración pedagóxica que afectará negativamente ao alumnado. Alén diso, tamén hai xubilacións de docentes que non se repuxeron, cursos obrigados a ser agrupados, aumentando así a ratio e prexudicando a profesorado e alumnado, etc..

Por mor disto, CCOO-Ensino esixe ao Xefe Territorial rectificar esta caótica xestión de recortes e garantir un ensino público de calidade, para o que debe repoñer todos os postos docentes, diminuír ratios e facilitar a labor dos Equipos Directivos e do profesorado. Para garantilo loitará na Xunta de Persoal Docente, nas Mesas Sectoriais e en todos os organismos nos que teña representación e apoiará as mobilizacións que se están xestando.