A Federación do Ensino de CCOO de Galicia esíxelle á Consellaría de Educación que constitúa comisións de traballo para garantir a seguridade no vindeiro curso escolar e evitar que sexan os equipos directivos e o resto do persoal educativo os que asuman esta responsabilidade. O sindicato coida que esta tarefa é unha competencia da Administración e así o afirmou publicamente nunha conferencia de prensa este mércores.
A sindicalista reivindicou que é necesario facer a avaliación de riscos para cada centro e para cada posto de traballo, un traballo que non se realizou cando se reincorporou á docencia presencial o profesorado de segundo de bacharelato e de segundo de FP. «A Xunta escusouse en que non lle daba tempo, pero agora si o hai e é necesaria a avaliación para poder aplicar os protocolos de actuación», advertiu López.
A secretaria xeral de CCOO-Ensino fixo tamén referencia ás declaracións do presidente da Xunta en que informaba de que se fixeran avaliacións de risco en todos os colexios electorais de cara ás eleccións autonómicas do vindeiro 12 de xullo. Para Luz López, é «importante» que se faga esta avaliación, pero resulta «imprescindible» que tamén se faga en todos os centros educativos antes do comezo do novo curso.
Na mesma liña se pronunciou o secretario de Acción Sindical de CCOO-Ensino, José Fuentes. «Non é de recibo que o presidente da Xunta se estea gabando de que se estean a inspeccionar os colexios electorais, só faltaba! E en canto rematen con iso, que comecen cos centros educativos».
José Fuentes avanzou «colaboración máxima» coa Administración para que este traballo chegue a bo porto. Porén, se non se aborda cos servizos de prevención, «como manda a lei», no canto de acudir á Inspección de Traballo, o sindicato dirixiríase directamente aos tribunais.
Numerosas incógnitas antes do comezo do novo curso
Segundo CCOO-Ensino, cómpre dar resposta a numerosas cuestións antes de abrir os centros educativos. Entre outras, a desinfección completa das instalacións, a elaboración de protocolos de acceso aos centros, protocolos de desinfección de hixienización de espazos e materiais, garantir a distancia de seguridade esixida polas autoridades sanitarias, a definición e distribución dos espazos utilizables, a dotación e a distribución centralizada de equipamentos de protección individual (EPI).
CCOO tamén reivindica protocolos de actuación para aquelas persoas que, por situación de vulnerabilidade, non poidan incorporarse á actividade presencial; formación específica en materia hixiénico-sanitaria; fomento do teletraballo; flexibilización dos currículos e a previsión de diferentes escenarios, xa que pode haber rebrotes do virus.
Noticias de última hora en Vigo