CCOO-Ensino rexeita a proposta de nova zonificación escolar para Vigo

Por o 12/01/2018 | Sección: CC.OO,Educación,Sindicatos
CCOO-Ensino rexeita a proposta de nova zonificación escolar para Vigo

CCOO-Ensino censura as formas unilaterais e dogmáticas da Consellaría que presenta unha proposta sen que tivera cabida a mínima negociación nin coas familias nin co profesorado nin cos sindicatos. O suposto Grupo de Traballo que a Consellaría di ter constituído non é máis que unha comisión onde a Consellaría pretende que os Directores e Directoras referenden a súa proposta para darlle un verniz participativo.

Por outra banda, a proposta da Xunta racha co principio de equilibrio entre as distintas zonas da cidade, pois impide que as familias que matriculen aos seus fillos noutras zonas teñan servizo de transporte, unha estratexia coa que para CCOO-Ensino se pretende illar os barrios periféricos de Vigo e beneficiar aos máis céntricos, onde hai unha forte presenza do ensino concertado. Alén diso, as novas zonas escolares son desiguais e non respectan os principios de equilibrio centro-periferia ou proximidade. Así, a adscrición proposta para algúns centros non é realista nin xusta, como demostra o feito de desviar ao alumnado de Navia ao IES de Valadares, localizado a 10 quilómetros, no canto de envialos aos centros próximos ao barrio.

Finalmente, CCOO-Ensino empraza á Consellaría a retirar de xeito inmediato a proposta e abrir un proceso de negociación para acadar un modelo que remate cos problemas da cidade en troques de crear outros novos e que garanta a posta en valor do ensino público e a calidade educativa, o que pasa por unha zonificación realista, sensata e abalada por un proceso previo de negociación con toda a comunidade educativa.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.