CCOO esixe a constitución da mesa para o desenvolvemento en Galicia do acordo de mellora do emprego público

O sindicato non ve razóns para que se atrase máis a concreción das prazas que deben ser obxecto de estabilización no ámbito da Xunta
Publicado por o día 03/07/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos

CCOO esixe a constitución da mesa para o desenvolvemento en Galicia do acordo de mellora do emprego público

A Área Pública de CCOO reiteroulle á Dirección Xeral da Función Pública que constitúa a mesa de negociación para o desenvolvemento en Galicia do acordo de mellora do emprego público, asinado por este sindicato e outras organizacións o pasado 29 de marzo en Madrid.

O dito acordo establece que en cada ámbito territorial se ha negociar o número de prazas que deben ser obxecto de regularización e estabilización, segundo os criterios xerais establecidos nel. Esta mesma semana, o luns 26 de xuño, tivo lugar na capital do Estado unha xuntanza do grupo de traballo que clarificou varios puntos.

En primeiro lugar, que cando o acordo sinala que son obxecto de estabilización o 90 % das «prazas ocupadas de xeito temporal», isto inclúe tanto interinidades como eventuais, contratos por obra ou servizo, creadas ou non na correspondente relación de postos de traballo. Se non estiveren creadas, han selo no momento da aprobación da oferta pública de emprego (OPE), ben no momento de resolución do proceso selectivo ou en calquera paso intermedio.

En segundo lugar, as prazas poden pactarse na OPE de 2017, de 2018 ou de 2019, xa sexa na OPE ordinaria de cada un deses anos ou nunha OPE adicional. Con todo, nada do anterior impide desenvolver o proceso de estabilización nun único proceso, remarca CCOO.

Por outra parte, as vacantes que puidesen quedar desertas no proceso de estabilización poderanse trasladar —sen computar en taxa— á OPE do ano seguinte, sempre que non vaia alén do exercicio 2019. En cuarto lugar, e de acordo co establecido no Estatuto básico do empregado público (EBEP), unha vez aprobada a OPE hai tres anos para proceder á súa convocatoria.

CCOO insiste en que este acordo debe porse en marcha en Galicia para lograr o obxectivo de reducir a temporalidade nas administracións a menos do 8 %.

Moitas posibilidades de negociación

Desde Comisións coidan que a redacción do texto abre «moitas posibilidades de negociación», para sacar adiante o maior proveito a prol da diminución da temporalidade e da precariedade na Xunta. No ámbito da función pública autonómica, podería haber procesos selectivos a razón de 1700 postos nos próximos tres anos, OPE ordinarias doutros 500 postos anuais ou, no caso da sanidade —con máis do 22 % de temporalidade—, negociar un verdadeiro plan que permitiría estabilizar case 7000 prazas.