CCOO esixe convocar este ano unha «OPE excepcional» de case 7000 prazas

A Federación de Sanidade do sindicato fundamenta a petición en datos fornecidos polo Ministerio
Publicado por o día 30/05/2017 na sección de CC.OO,Galicia,Protestas,Sanidad,Sindicatos,Vigo

CCOO esixe convocar este ano unha «OPE excepcional» de case 7000 prazas

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia insiste na necesidade de convocar, antes do último trimestre do ano, unha oferta pública de emprego (OPE) «excepcional» de case 7000 prazas. O secretario xeral da Federación, Ángel Cameselle, ampárase en datos fornecidos polo Ministerio para cuantificar a magnitude da oferta pública e afirma que CCOO «non aceptará migallas», en alusión á «pírrica» oferta de emprego anunciada pola Xunta.

Segundo Cameselle, unha OPE desta magnitude é necesaria para dotar de estabilidade todas as prazas estruturais que foron cubertas de xeito interino, non unicamente as 800 que recolle o acordo asinado polo SERGAS con algúns sindicatos.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade afirma que hai preto de 3000 postos de traballo que se deben converter en emprego estable, incluíndo no cómputo as interinidades, contratacións en fraude de lei
—contratos de servizos determinados, acumulación de tarefas e outros— e tamén para recuperar o emprego destruído nos últimos anos por mor da taxa de reposición.

Un 22 % de eventualidade

O secretario xeral de CCOO-Sanidade critica a «insoportable eventualidade e precariedade» na sanidade pública. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, o 22 % das prazas están cubertas de xeito interino ou mediante contratos en fraude de lei, isto é, 7660 dun total de 34 057.

Por esta razón, e seguinto o criterio ministerial, CCOO defende unha OPE «moi distinta» á configurada pola Xunta: sería equivalente ao 90 % das prazas actualmente cubertas de xeito interino ou en fraude de lei, polo que a oferta de emprego público debería elevarse ata as 6894 prazas.

«Que se poñan de acordo»

Por último, o secretario xeral de CCOO-Sanidade insta os departamentos da Administración galega implicados a «que se poñan de acordo». Segundo Cameselle, os datos oficiais do Ministerio de Facenda coinciden cos que obran en poder da Dirección Xeral da Función Pública e fundamentan a petición do sindicato; porén, a Dirección de Recursos Humanos do SERGAS discrepa destas cifras. O sindicalista coida «insólita» a situación e pona como exemplo do «despropósito» en que se está a converter a xestión da sanidade pública por parte dos actuais dirixentes.