CCOO esixe «medidas urxentes» contra a precariedade xuvenil

O sindicato coida que a situación pon a mocidade en risco de pobreza e impide a súa emancipación
Por o 12/08/2017 | Sección: CC.OO,Emprego,Sindicatos
CCOO esixe «medidas urxentes» contra a precariedade xuvenil

Co gallo do Día Internacional da Mocidade, que se celebra o sábado 12 de agosto, CCOO esixe «medidas urxentes» para frear a crecente precarización das condicións de vida e traballo das persoas mozas. O sindicato alerta da precariedade e coida que a situación, se non remediar, impedirá a emancipación da xuventude e incluso a pode colocar en risco de pobreza.

O secretario de Xuventude de CCOO de Galicia, Omar Ceveira, reclama a fin dunhas políticas que están a empobrecer o conxunto da sociedade, pero sobre todo a unha xeración «á que se lle está negando o presente e o futuro».

A última EPA revela que en Galicia só teñen emprego 322.500 mozas e mozos entre 16 e 29 anos, o 38 % do total, mentres que a taxa de paro xuvenil se sitúa no 26,3 %. A este dato «demoledor» cómpre sumar os efectos das «fórmulas de precarización que asoballan a nosa mocidade», apunta Ceveira, como o auxe da contratación a xornada parcial ou a curta duración dos contratos —ou a concatenación dos mesmos.

Segundo datos da Axencia Tributaria, o salario medio anual dos menores de 25 anos non supera en España os 5.842 euros, case tres veces menos que na faixa de idade entre 26 e 35 anos. De aí que CCOO alerte do risco de pobreza da xuventude galega e española ou da incapacidade para crear proxectos de vida e de futuro: segundo o Observatorio de Emancipación do Consello da Mocidade de España, só dúas de cada dez menores de 30 anos viven fóra do fogar familiar.

Cómpren outras políticas

CCOO esixe un «cambio radical» nas políticas aplicadas nos últimos anos, comezando polo incremento «substancial» dos salarios, o reforzamento dos servizos públicos —e con eles, o emprego público—, aprobar unha renda mínima —como a reclamada polos sindicatos hai máis dun ano— e perseguir eficazmente a temporalidade inxustificada e a fraude no tempo parcial e no traballo autónomo, entre outras medidas.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.