CCOO esixe unha investigación «áxil e resolutiva» para esclarecer as causas das intoxicacións nas escolas infantís da Xunta

O sindicato esixe que os centros do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar teñan un modelo de cociña público e de xestión directa, como nas escolas infantís da Axencia Galega de Servizos Sociais
Publicado por o día 07/11/2019 na sección de CC.OO,Educación,Sindicatos

CCOO esixe unha investigación «áxil e resolutiva» para esclarecer as causas das intoxicacións nas escolas infantís da Xunta

O sector da Administración autonómica de CCOO de Galicia esixe unha investigación «áxil e resolutiva» para esclarecer as causas das «reiteradas intoxicacións» nas escolas infantís do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Desde o sindicato consideran que non abonda con rescindir o contrato co actual provedor, Airas Nunes Catering, unha das marcas de Chico Freire SL, cuxa xestión xa foi cuestionada noutras ocasións sen que se tomasen medidas.

O sindicato considera positivo que se volva ao sistema de compra descentralizada, no que os produtos se mercan nos comercios próximos ás escolas infantís. Deste xeito, foméntase o comercio de proximidade e créase riqueza local. Con todo, «esta decisión non resolve por si soa o problema de fondo», apuntan desde CCOO.

O sector da Administración autonómica de CCOO de Galicia esixe a apertura dun expediente sancionador contra a empresa provedora por «afectación grave e reiterada» á saúde da poboación máis vulnerable, como son os nenos e as nenas das escolas infantís (etapa de cero a tres anos).

Ademais, CCOO defende que as cociñas das escolas infantís do Consorcio pasen a un sistema público de xestión directa, con persoal propio da Administración, como xa acontece cos centros dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, que forma parte do mesmo departamento, a Consellaría de Política Social.

Para rematar, CCOO esixe a depuración das responsabilidades administrativas e de xestión que correspondan. «Cómpre adoptar medidas efectivas para garantir que estes feitos non se volvan producir, antes de que teñamos que lamentar consecuencias maiores», conclúe o sindicato.