CCOO esixe unha «OPE excepcional» de case 7000 prazas, quince veces o anunciado pola Xunta

A Federación de Sanidade do sindicato ampara a petición en datos fornecidos polo Ministerio
Publicado por o día 24/03/2017 na sección de CC.OO,Galicia,Sanidad,Sindicatos,Vigo

CCOO esixe unha «OPE excepcional» de case 7000 prazas, quince veces o anunciado pola Xunta

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia insiste na necesidade de convocar unha oferta pública de emprego (OPE) «excepcional» de case 7000 prazas, o que significaría multiplicar por quince a oferta de 438 anunciada pola Xunta de Galicia. O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, ampárase en datos fornecidos polo Ministerio para cuantificar a magnitude da oferta pública.

Segundo Cameselle, cómpre dar estabilidade a preto de 3000 traballadoras e traballadores, especialmente nos casos en que hai contratación en fraude de lei —contratos de servizos determinados, acumulación de tarefas e outros—. Para isto, mais tamén para recuperar o emprego destruído nos últimos anos por mor da taxa de reposición, cómpre unha OPE que supere a oferta da Xunta.


O secretario xeral de CCOO-Sanidade critica a «insoportable eventualidade e precariedade» na sanidade pública. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, o 22 % das prazas están cubertas de xeito interino ou mediante contratos en fraude de lei, isto é, 7660 dun total de 34 057.

Por esta razón, e seguinto o criterio ministerial, CCOO defende unha OPE «moi distinta» á configurada pola Xunta: sería equivalente ao 90 % das prazas actualmente cubertas de xeito interino ou en fraude de lei, polo que a oferta de emprego público debería elevarse ata as 6894 prazas.

CCOO agarda que a finais deste mes de marzo os sindicatos e o Ministerio asinen o acordo estatal que obrigue o SERGAS á convocatoria desa OPE excepcional que CCOO leva reivindicando desde xuño do ano pasado.